Pestanas principais

Investiranse 245.302 euros na mellora do edificio da Escola Municipal de Música de Ames

Luns, 21 de abril de 2025

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación das obras de mellora do edificio da Escola Municipal de Música de Ames. As obras contemplan actuacións de substitución e mellora da cuberta do edificio e maila adecuación dunha estancia para as dependencias do persoal da Agrupación de Protección Civil no citado edificio. Ditas obras foron adxudicadas á empresa Construcciones D. Ogando SL por un importe de 245.302,01 euros (IVE incluído). Dita actuación está incluída na segunda fase do POS+ Adicional. Este proxecto foi aprobado no pleno ordinario do mes de xullo de 2024.

O obxecto de dita actuación é realizar diversas melloras no edificio que emprega o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames, situado na urbanización de Aldea Nova. Tamén se vai acondicionar unha estancia para a Agrupación de Protección Civil de Ames. Este edificio foi construído en 1996. As obras consisten na substitución do material de cubrición da cuberta e a adecuación dunha estancia existente para uso do espazo para os voluntarios/as de Protección Civil.

Para a cuberta proponse a rehabilitación enerxética do espazo baixo cuberta, a través dunha manda de la de vidro e a incorporación de reixas de ventilación, para facilitar a eliminación de posibles condensacións. O edificio conta cun total de 12 locais, dos cales  7 son empregados polo alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música de Ames (aula 5: aula de profesorado; aula 6: aula de espera; aula 7: aula de música e movemento e linguaxe musical; aula 8: piano, guitarra e violín; aula 10: aula de agrupacións; aula 11: batería/percusión; e aula 12: canto, saxo e frauta). Durante este curso hai arredor de 175 alumnos/as matriculados na EMMA.

Por outra banda, a estancia existente no edificio ten a distribución e instalacións propias dunha vivenda. Aproveitarase o existente dentro das limitacións por cambio de programa propoñendo unha mellora enerxética na envolvente interior a través de trasdosado illado e cambio de carpinterías con rotura de ponte térmico. Os sanitarios mantéñense os existentes con cambio de revestimento e pezas, así como a creación dun novo aseo accesible.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “a cuberta quedará preparada para a creación dunha futura comunidade enerxética na urbanización de Aldea Nova. Dentro deste mesmo proxecto tamén se recolle a rehabilitación da vivenda, que adquiriu o Concello en Aldea Nova, para o persoal da Agrupación de voluntarios/as de Protección Civil de Ames”.

Proxectos sufragados co POS+ Adicional 2/2024
Deste xeito, con cargo á primeira fase do POS+ Adicional (proxectos xa incluídos no POS complementario) vanse executar catro obras: pavimentación de viarios no Castro de Ortoño, na parroquia de Ortoño (142.083,44 euros); senda dende A Ponte Maceira a Carballo, na parroquia de Trasmonte (268.737,99 euros); mellora da seguridade viaria en Covas, na parroquia de Covas (121.609,66 euros); e pavimentación de viarios en Biduído de Arriba, na parroquia de Biduído (176.182,39 euros). Falta por licitar a obra da senda dende A Ponte Maceira a Carballo. Os outros tres proxectos están adxudicados.

Debido a que aínda quedaba un sobrante de 254.166,82 euros, que foi incluído na segunda fase do plan adicional, o Goberno municipal propuxo no pleno ordinario de xullo de 2024 destinar esta contía a sufragar o proxecto de melloras no edificio da Escola Municipal de Música e de Protección Civil, situado en Aldea Nova. Esta proposta saíu adiante por unanimidade de toda a Corporación municipal. Trátase dun novo investimento financeiramente sostible que non figuraban no Plan complementario ao POS+ 2024.

Investiranse 245.302 euros na mellora do edificio da Escola Municipal de Música de Ames

Multimedia

  • Investiranse 245.302 euros na mellora do edificio da Escola Municipal de Música de Ames
  • Investiranse 245.302 euros na mellora do edificio da Escola Municipal de Música de Ames
  • Investiranse 245.302 euros na mellora do edificio da Escola Municipal de Música de Ames