Pestanas principais

A IX Gala do Deporte de Ames reunirá mañá venres na Casa da Cultura do Milladoiro a unhas duascentas persoas

Xoves, 27 de novembro de 2014

[27-11-2014] A Casa da Cultura do Milladoiro será mañá venres escenario da novena edición da Gala do Deporte de Ames, un acto co que o Concello quere premiar a traxectoria dos deportistas e clubs deportivos locais máis destacados do ano. Serán oito os galardóns que recoñecen os logros acadados por figuras do fútbol, piragüismo, tenis, atletismo ou motocross. A gala, que reunirá a unhas duascentas persoas, contará coa asistencia do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e será presentada polo xornalista amesán, Diego Viaño e o humorista e locutor radiofónico Carlos Jiménez. Ademais, o xogador do Obradoiro CAB Oriol Junyent será o padriño.

A cerimonia iniciarase ás 20:00 horas cunha exhibición dun grupo de alumnos das escolas deportivas municipais. Tras a intervención da concelleira de Deportes, Eugenia Martín, procederase á entrega de premios, logo dunha proxección audiovisual que resume a traxectoria de cada un dos galardoados. 

O alcalde, Santiago Amor, que felicita os premiados, destaca que Ames é un concello deportivo e deportista por excelencia: “Apostamos esencialmente polo deporte de base, con especial preocupación pola mocidade e as mulleres. De feito premiamos este ano a tres mulleres destacadas en diferentes disciplinas. Mantemos máis dunha ducia de escolas deportivas ás que asisten máis dun milleiro de deportistas de todas as idades”.  

Tres mulleres, dous homes e un equipo
Na IX Gala do Deporte de Ames, a futbolista Yaiza Otero recibirá o premio á deportista máis destacada do ano en Ames polo seu traballo como xogadora de Primeira División feminina de fútbol sala no Amarelle FSF. Na súa traxectoria acumula títulos como os de campioa da Copa Autonómica de Fútbol na temporada 2012-13 e na 2013-14.      

O galardón ao deportista máis destacado dun Club de Ames irá para a piragüista do Ribeiras do Tambre Irene Mirás. Este ano acadou o título de subcampioa de España de pista en k-1 500 metros e a medalla de bronce na categoría sub-17 no k-n 5.000 metros no Campionato de España de Inverno.  

Por outro lado, o Concello de Ames tamén quere premiar o traballo do Bertamiráns FC, que na pasada temporada conseguiu a permanencia en Terceira División. Este club, fundado en 1933, conta na actualidade con máis de 400 deportistas repartidos nos máis de 25 equipos de fútbol sala, fútbol-8 e fútbol-11.  

Ademais, haberá dous premios para as xoves promesas masculina e feminina. Con catorce anos, a tenista Celia Montero, do club local Asociación cultural-deportiva Aldea Nova, é campioa galega infantil e cadete. Na actualidade ocupa o número cinco do ranking nacional na súa categoría.  

Daniel Mato, atleta local do Club Millaraio, é, con tan só once anos, campión galego de 2000 metros lisos ao aire libre, campión galego individual e por equipos de campo a través e gañador do I Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña.  

O último dos galardóns, ao deportista masculino máis destacado de Ames, será para Fernando Seoane, centrocampista do CD Lugo da Segunda División dende o ano 2012.    

Distinción especial polo seu compromiso co deporte de Ames 
Haberá un recoñecemento especial para José Manuel García Moure, presidente fundador do Motoclub Ameixenda. El foi o artífice do deseño e construción dun circuíto de supercross en Ames chamado “Álex de Moure”. O recinto, inaugurado este ano, ocupa máis de 17.000 metros cadrados e permite aos afeccionados a práctica deste deporte.

Tamén se entregará un premio especial á Cafetería Tropic Burguer, situada en Bertamiráns, por ser colaboradora de varios clubs de Ames e patrocinadora de numerosos eventos deportivos locais.