- Tematica
Jose Miñones renunciou aos seus cargos de alcalde e concelleiro de urbanismo en Ames nun pleno convocado pola vía de urxencia que se desenvolveu na tarde de onte na Casa do Concello. Foi unha despedida emotiva na que os/as voceiros/as dos distintos grupos que conforman a corporación municipal gabaron a capacidade de traballo e o talante aberto, integrador e dialogante de Miñones. Pola súa banda, o até onte alcalde de Ames agradeceu aos seus compañeiros/as de corporación, aos traballadores/as e a cidadanía de Ames en xeral o apoio recibido durante os anos que estivo no goberno. En dez días, prazo máximo que marca a lei, deberá convocarse o pleno para nomear ao novo alcalde ou alcaldesa de Ames. No entanto, o primeiro tenente de alcalde, David Santomil, exercerá como rexedor interino.
Na súa despedida, Miñones dixo que, a pesares da boa nova do seu nomeamento, invadíao unha sensación de tristeza e melancolía: “Para min, estes seis últimos anos como alcalde foron unha montaña rusa onde se mesturou a satisfacción da xestión e a representación da miña veciñanza como alcalde, coa dureza do día a día na contribución dos obxectivos que nos fomos marcando”. “Gobernar non é doado e facelo nun tripartito é un plus pero teño que dicir que resultou moi satisfactorio”, engadiu o até onte alcalde antes de pasar ao capítulo de agradecementos no que incluíu aos compañeiros e compañeiras de corporación, ás traballadoras e traballadores e a veciñanza de Ames en xeral. Tivo tamén palabras de agradecemento para o presidente do goberno: “Agradezo a Pedro Sánchez a enorme enorme confianza depositada en min. Collo esta nova responsabilidade con ánimo, moita ilusión a pesar deste discurso máis triste que alegre, pero é como me sinto hoxe xa que son moitos anos neste Concello. Quero moito a este Concello e seguirei aquí, sendo un veciño máis deste fermoso lugar”.
Interviu despois o concelleiro do grupo mixto, Xosé Ramón Oulego, de Ciudadanos: “Dende a discrepancia política só podo ter palabras boas e destacar que eu sempre percibín que, a pesar de estar na oposición, somos persoas e así nos trataches a todos con respecto e cordialidade”. Oulego aventurou que levaría “esa forma de facer política que tés alí onde vaias”.
Quique Costas recoñeceu o traballo feito por Miñones na corporación e o seu talante de diálogo “independientemente de que no criterio, nalgúns momentos, non coincidimos”. Ademais alabou a súa total dedicación á alcaldía y a súa forma de gobernar “cercana, accesible, que deixa ao marxe as diferenzas e busca puntos de encontro”, cualidades, matizou, necesarias para o seu su novo cargo. “É un cargo moi importante que pode aportar moitísimo a Galicia e creo que vostede da o perfil perfecto para desenvolvelo”, dixo o voceiro de Ames Novo.
Genma Otero, de Contigo Podemos manifestou tamén un sentimento encontrado: “Teño un sentimento de alegría polo teu merecido recoñecemento ao esforzo, ao traballo ben feito, á dedicación constante e á responsabilidade pública, ao entendemento político, tristemente tan ausente na nosa vida política, ao traballo colaborativo, á mediación entre compañeiros e partidos e ao diálogo entre forzas. Tamén, porque Ames terá voz en Madrid. Pero teño asemade un sentimento de tristeza, pois marcha un compañeiro que nos tiña acostumados a dialogar, a consensuar e a entendernos e que dirixiu a alcaldía de Ames, formando equipo e collendo o mellor de cada un de nós.
O voceiro do BNG, David Santomil, falou de “sorpresa, felicidade e esperanza” e deu os parabéns a Miñones en nome del e do grupo que representa. Lembrou Santomil os inicios da súa colaboración política: “Despois deste seis anos intensos de traballo e partindo daquel 2015 no que poucos apostaban polo éxito dun tripartito en minoría, é de salientar todo o que conseguimos facer. Recentemente poñíamos en valor o sexto orzamento consecutivo anual deste Goberno tripartito. Foron moitos os momentos de esforzo, traballo, alegrías, penas, discusións, grandes acordos que mantivemos”.
Ramón Argibay, voceiro grupo municipal do Partido Popular agradeceu o traballo de Miñones na corporación: “con independencia de que o criterio nalgúns momentos, non fose o mesmo” Argibay felictou a Miñones por ser un alcalde “disposto a dialogar” e gabou o seu perfil como o perfil axeitado para o posto qie vai desempeñar a partires de agora: “É un cargo moi importante que pode aportar moitísimo a Galicia e creo que vostede da o perfil perfecto para desenvolvelo, non me cabe ningunha dúbida”.
Blas García resumiu a súa intervención en tres palabras de loa a quen foi alcalde de Ames durante seis anos: honradez, talante e capacidade traballo: “A primeira é a honradez, non cabe dúbida de que ti marchas deste Concello coas mans limpas, que hoxe en política xa é moito. Quero destacar tamén o teu talante, esa maneira que tes de traballar, de dialogar; ese talante vese en cada momento pero eu quero salientar unha etapa, a do primeiro mandato onde cun goberno tripartito e en minoría, fomos capaces de xestionar un Concello como o de Ames. É quero destacar algo por riba de todo que é o traballo, puxéronseche a cargo moitas cousas e eu digo sempre que cando un goberna hai que tomar decisións boas, malas, que gustan, non gustan ... pero o que ninguén pode negar é a túa capacidade de traballo e de dedicación a este Concello”.
David Santomil, que asistiu á convocatoria, como varios dos concelleiras e concelleiras de todos os grupos, a través da rede, foi o encargado de pechar o pleno: “Maña a primeira hora estaremos tratando de dar, continuidade, cando menos durante estes próximos dez días, a este Goberno, a esta corporación e a este exemplo de estabilidade, de bo facer, de honradez e, por suposto, de lealdade institucional, algo moi importante nos tempos que corren e, sen dúbida, algo no que levamos afondando durante estes anos. Polo tanto, seguimos!”.
En dez días desde a renuncia, prazo que marca a lei, deberá convocarse outro pleno para nomear ao novo alcalde ou alcaldesa de Ames.
José Miñones
Licenciado en Farmacia, doutorado pola USC con premio extraordinario, investigador e profesor na Facultade de Farmacia, galardoado cos premios do “Consejo General de Colegios Oficiales de Farmacéuticos” e Premio “Eloy Diez” de Doutorado, José Miñones entrou no Goberno de Ames no ano 2009 como concelleiro de Sanidade, Reforma Administrativa e Calidade na Administración. En febreiro de 2012 foi voceiro do grupo socialista. Miñones é alcalde de Ames desde o ano 2015, membro da Comisión de mobilidade e accesibilidade da Federación Española de Municipios (FEMP) desde 2016 e responsable executivo de política municipal do Comité Nacional Galego na provincia da Coruña desde outubro de 2017. En febreiro de 2020 foi nomeado vicepresidente da Rede Española de Cidades Saudables. Hai unhas semanas anunciouse que será o único representante galego na ponencia preparatoria do próximo congreso federal do PSOE, que se celebrará en Valencia en outono. Participará, xunto con outros cargos socialistas, na preparación de asuntos relacionados co medio rural e o municipalismo. José Miñones está casado, ten dous fillos e vive en Aldea Nova desde o ano 1999.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "José Miñones ya es nuevo delegado del Gobierno en Galicia"
La Voz de Galicia: "Santomil, alcalde de Ames mientras el PSOE decide el relevo de Miñones"
Revista AmesGo: "José Miñones será o novo delegado do Goberno en Galicia"
Revista AmesGo: "Miñones deixa a corporación co recoñecemento unánime do seu labor"
Lindeiros: "Renuncia do alcalde de Ames para ocupar a Delegación do Goberno"