Pestanas principais

José Miñones reúnese cos alcaldes de Oroso e Negreira

Sábado, 10 de outubro de 2015

[10-10-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, pechou esta semana a rolda de contactos cos rexedores da comarca cunha reunión co alcalde de Negreira, Jorge Tuñas. A semana pasada tamén mantivo un encontro co alcalde de Oroso, Manuel Mirás. Nestas xuntanzas falouse da prestación do servizo de protección civil, da mancomunidade da auga, do servizo de transporte metropolitano, e da posibilidade de dispor dun servizo de canceira municipal de xeito conxunto entre os Concellos de Ames, Negreira e Santa Comba. Ademais, estase elaborando un modelo de convenio para asinar cos concellos da comarca e compartir servizos.

Nas últimas semanas o rexedor de Ames, José Miñones, realizou unha ronda de contactos cos alcaldes da comarca. Deste xeito, mantivo encontros cos rexedores de Santiago de Compostela, Brión, Teo, Oroso e Negreira. Precisamente, esta semana pechouse a devandita rolda de reunións cunha xuntanza con Jorge Tuñas, alcalde de Negreira. José Miñones explica que “estes encontros eran os que tiñan maior prioridade, pero a intención é seguir falando con máis alcaldes da comarca para intentar chegar a acordos puntais na prestación de servizos”.

O rexedor de Ames engade “estamos traballando na redacción dun modelo de convenio para compartir servizos cos concellos da comarca. Inicialmente este convenio vaise a levar a cabo co Concello de Brión, pero agardamos poder estendelo a máis concellos da nosa comarca, especificando en cada caso os servizos que compartiriamos e os proxectos nos que colaborariamos con cada un”.

Na xuntanza mantida co rexedor de Negreira abordáronse varios temas entre o que destaca unha posible colaboración para compartir a prestación do servizo de protección civil que ningún destes dous concellos ten na actualidade. Tamén se falou da posibilidade de dispor dun servizo de canceira municipal de xeito conxunto entre os Concellos de Ames, Negreira e Santa Comba. Outro dos temas tratados con Jorge Tuñas foi a posibilidade de que no futuro Negreira tamén poida formar parte dunha mancomunidade da auga. Por último, falouse de compartir servizos en materia de obras e mantemento de pistas.

Reunión con Oroso
Outros dos encontros que mantivo Miñones recentemente foi co alcalde de Oroso, Manuel Mirás. Neste encontro tamén se abordou a posibilidade de colaborar de cara a que Ames poida dispoñer dun servizo de protección civil. Segundo indica José Miñones “este servizo funciona moi ben no Concello de Oroso polo que sería interesante que nos asesorarán para poñelo en marcha en Ames, e incluso, colaborar con nós na prestación do mesmo”.

Tamén se falou do servizo de transporte metropolitano. Segundo se desprende desta xuntanza en breve farase unha convocatoria pública con todos os alcaldes da comarca co obxectivo de esixirlle á Xunta de Galicia os acordos aos que se chegaron nesta materia e que aínda están pendentes de cumprir por parte da Administración autonómica.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames abre contactos con otros concellos para unificar servicios"
El Correo Gallego: "Estudian mancomunar a auga e unha canceira con Negreira"
El Correo Gallego: "Buscan asesoramiento en Oroso para impulsar un servicio de Protección Civil"