Pestanas principais

José Ramón Mirás e Nadia Iglesias foron elixidos como os deportistas máis destacados de 2016 na XI Gala do Deporte de Ames

Sábado, 11 de febreiro de 2017

[11-02-2017] Este venres, 10 de febreiro, celebrouse unha espectacular Gala do Deporte na Casa de Cultura do Milladoiro, que contou coa presencia de Javier Rico, xerente da Fundación Deporte Galego, Alberto Corbacho, padriño da Gala, José Miñones, alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, e de varios concelleiros/as do goberno e da corporación municipal amesá. Ademais, cómpre salientar a presenza dos concelleiros/as de Deportes de gobernos municipais anteriores. Para a presentación do evento contouse coa participación dos xornalistas Terio Carrera e Diego Viaño que amenizaron a Gala e foron dando paso aos deportistas premiados.


Premio especial do público
Por primeira vez a XI Gala do Deporte do Concello de Ames dispuxo dunha nova categoría na que a veciñanza puido votar para elixir ao mellor deportista do 2016, entre catro candidatos propostos polos éxitos que conseguiron ao longo do pasado ano, Así, o premio especial do público elixiuse entre o xogador de squash Borja Golán pola vitoria no campionato Europeo; Moncho Mirás pola vitoria do campionato de España de peso galo; Nadia Iglesias polo subcampionato Europeo de patinaxe, así como a vitoria do campionato de España, Galego e provincial xuvenil; e Fernando Seoane, como mediocentro indiscutible do Lugo en Segunda división.

Unha vez pechada a votación que se puido facer a través dunha enquisa publicada na web municipal, a gañadora de dito galardón foi a patinadora Nadia Iglesias, subcampioa de Europa, que recibiu un total de 4.011 votos (50% dos votos emitidos). En segunda posición quedou o boxeador Moncho Miras, campión de España de peso galo, con 2.442 votos (30%); terceiro foi o campión de squash europeo, Borja Golán con 1.492 votos (18%) e a cuarta posición foi para o futbolista Fernando Seoane con 125 votos (2%). Cómpre destacar a gran participación da veciñanza amesá nesta enquisa xa que se emitiron un total de 8.070 votos.

Deportistas máis destacados de 2016
Os últimos premios que se entregaron foron os de deportista feminina e masculina máis destacadas de Ames durante o ano 2016. O premio de mellor deportista feminina recaeu na patinadora Nadia Iglesias, subcampiona de Europa xuvenil e campioa nacional, galega e provincial xuvenil. Este premio foi entregado por Javier Rico, xerente da Fundación Deporte Galego. O galardón ao mellor deportista masculino amesán de 2016 foi o boxeador José Ramón Mirás, que foi campión de España de peso galo en 2016 e revalidou ese mesmo título o ano pasado. Este premio foi entregado polo padriño da Gala, Alberto Corbacho.  

O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, indicou “creo que a Gala deste ano foi a que congregou máis títulos e deportistas de alto nivel, e por iso congratúlanos a boa saúde do deporte amesán. Hoxe moitos deportistas non acadaron o premio do Concello, a pesar de ser campións de España ou de Galicia, pero teñen que saber que teñen todo o noso recoñecemento. É un orgullo para Ames dispor duns deportistas de tanta calidade”. Miñones  tamén dixo que “hai que seguir apostando polo deporte de base e na mediada do posible seguiremos mellorando as infraestruturas deportivas do concello”. Por último, agradeceu “o traballo dos traballadores da Concellaría de Deportes que fixeron posible levar adiante este espectáculo por segundo ano consecutivo no que seguimos a innovar”.

Premio ao deportista/equipo máis destacado e ao mellor club
O premio para o deportista/equipo máis destacado dun club de Ames foi para Luis Guilbert, padexeiro do Ribeiras do Tambre, que foi campión de España Infantil de fondo (3.000 metros) e de pista (1.000 metros), campión Galego Infantil de fondo (3.000 metros) e de pista (1.000 metros).

O premio para o mellor club de Ames foi para o Club de patinaxe Omega por participar en múltiples eventos deportivos e benéficos organizados por distintos clubs, organizar o Campionato Galego na modalidade de individual de segunda categoría no pavillón municipal do Milladoiro e competir en dúas das seis modalidades de patinaxe artística (show e individual). Ademais, conta con máis de 50 patinadoras/es competindo na modalidade de individual, dos cales: 30 patinadoras/es compiten a nivel provincial, 20 patinadoras/es compiten a nivel autonómico nas categorías de benxamín, alevín, infantil e cadete, 2 patinadoras compiten a nivel nacional, acadando unha delas o primeiro posto no Campionato Galego de categoría benxamín. O grupo show, con 16 patinadores, conseguiu o cuarto posto no Campionato Galego de Grupos Show de II Categoría.

A Gala comezou cunha proxección audiovisual na que se recoñeceu o traballo dos numerosos clubs e entidades deportivas de Ames. Este vídeo espertou os aplausos do numeroso público que abarrotou a Casa de Cultura do Milladoiro que quedou pequena para acoller este evento. A continuación, a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, entregoulle aos representantes da empresa GST Telecomunicacións o premio Colabor@mes pola súa participación e colaboración en moitos dos eventos deportivos que se celebran en Ames ao longo do ano. O premio de recoñecemento especial, que foi entregado polo alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, foi para José Ramón Mato Lago, presidente do Club de piragüismo do Ribeiras do Tambre, que leva 25 anos neste cargos durante os cales dito club conseguiu numerosos éxitos. 

A mellor promesa masculina do 2016 foi Rodrigo Sanjurjo, que en badmintón quedou campión de España sub 11, campión de España en dobres mixto sub 11 e número 1 no ránking nacional sub 11 (temporada 2015-2016). En atletismo foi récord galego alevín de probas combinadas, récord galego alevín de lanzamento de peso, campión galego alevín de lanzamento de peso aire libre e pista cuberta 2016 e subcampión galego de 50 metros lisos en pista cuberta e terceiro en 60 metros libres ao aire libre. O galardón foi entregado pola promesa do ano pasado, o padexeiro do Club de piragüismo Ribeiras do Tambre, Gabriel Martínez.  

O premio para a mellor promesa feminina de 2016 foi para Martina Bretaña do Club de patinaxe artístico Omega, que obtivo o terceiro posto no Trofeo Xunta 2016, o segundo posto no Campionato provincial de 2016 e o primeiro posto no Campionato galego da categoría benxamín. Este premio foi entregado por Javier Rico, xerente da Fundación Deporte Galego.

Ao longo de toda a Gala houbo diversas demostracións dos rapaces e rapazas que participan en varias modalidades das Escolas deportivas municipais, proxectáronse vídeos sobre os deportistas amesáns. Tamén houbo unha exhibición de breakdance, e por segundo ano consecutivo, unha exhibición dos clubs deportivos e un número especial de freestyle en bicicleta. Tamén houbo momentos para o humor da man dos presentadores que trataron de arrancar algunhas verbas dos vencedores en cada categoría.