Máis dun milleiro de crianzas, nais e país achegáronse á Casa da Cultura de Bertamiráns e O Milladoiro esta fin de semana para gozar da terceira edición do Festival Internacional de Cine Infantil de Ames, o único en Galicia especializado en público infantil e familiar. Durante tres días, proxectáronse máis de 50 curtametraxes a concurso, chegadas de moitos recunchos do mundo, como Francia, México, Rusia e, por suposto, Galicia. O certame consolídase así como unha mostra da multiculturalidade no audiovisual e no mundo e un motor que incentiva a creación de cinema para crianzas no nosos país.
Ademais das curtametraxes a concurso, o III Festival Internacional de Ames ampliou a súa programación con actividades pensadas para que os máis pequenos da familia cultiven o seu gusto polo sétimo arte e desenvolvan unha mirada crítica arredor do mesmo. Para isto, celebrouse un obradoiro de stop-motion, impartido por Artefacto Producciones, pioneiros nesta técnica a nivel europeo coa longametraxe O Apóstolo, que lles valeu numerosos nomeamentos e premios a ambos lados do atlántico. A Festa dos Videoclips, celebrada o domingo, foi unha das máis gozadas por todos os asistentes, que corearon as cancións da súas bandas infantís galegas favoritas e a escolma de traballos infantís do Ficbueu e OQO completaron unha fin de semana chea de emocións e descubrimento.
Gala de clausura
A xornada do domingo contou coa emocionante proclamación dos gañadores do certame nunha gala conducida por Paco Nogueiras, quen alternou as proxeccións das curtametraxes galardoadas con números musicais.
O xurado estivo formado por tres artistas audiovisuais con experiencia no eido da produción infantil: o director e guionista Fernando Cortizo; a artista 3D Belén Sousa, quen ten traballado na animación de grandes producións como Maléfica, O Hobbit ou Spiderman; e Eva Mejuto, escritora de libros infantís e xuvenís con predilección polos álbums ilustrados. O público miúdo tamén tivo ocasión de elixir os seus filmes favoritos, a través da votación ao fin de cada bloque.
Unha das particularidades do palmarés desta terceira edición é que todas as curtas gañadoras son traballos de animación. Na sección axóuxeres, de pezas para nenos e nenas a partir dos dous anos, o xurado resolveu entregar o premio a Katakroken, unha produción española que convida ás crianzas a realizar unha viaxe polos períodos artísticos, guiados por un simpático orangután fucsia. O filme desta categoría máis votado polo públicos foi a francesa Athleticus.
Na categoría buxainas, de curtametraxes para rapaces e rapazas de sete anos en adiante, o xurado chegou ao consenso de premiar Quma y las bestias, unha inmersión no bosque arxentino a través dos ollos dun neno. Por outra banda, o filme arxentino Sur Mesure foi o preferido das crianzas e recibiu o premio do público.
Desta maneira, as curtas vencedoras do III Festival Internacional de Cine Infantil foron:
- Premio Axóuxeres do xurado: Katakroken, de Jaime Maestro (España, 2016).
- Premio Buxainas do xurado: Quima y las bestias, de Ivan Stur e Javier Luna (Arxentina, 2019).
- Premio Axóuxeres do público: Athleticus: Course de demi fond, de Nicolás Deveaux (Francia, 2018).
- Premio Buxainas do público: Sur mesure, de Lèa Cousty (Francia, 2018).
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames premiou a filmes galos, arxentinos e tamén españois"
Compostela 24 horas: "'Katakroken, Quma y las bestias', 'Athleticus: course de demi fond' e 'Sur mesure', gañadoras do Festival Internacional de Cine Infantil de Ames"