Pestanas principais

As “kellys”, protagonistas da obra “As que limpan”, este venres 18 en Bertamiráns

Martes, 15 de marzo de 2022

O venres 18 de marzo volve a comedia á programación cultural de Ames do primeiro semestre de 2022, coa coprodución da compañía A Panadaría e do Centro Dramático Nacional, “As que limpan”. Será na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 20:30 horas. A obra pon o foco nas camareiras de piso dos hoteis, e na súa loita por conseguir uns dereitos laborais e sociais xustos. As entradas xa están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames. A proposta forma parte da programación do 8M en Ames.

“As que limpan” parte das pésimas condicións laborais das camareiras de piso para falar de moitos outros temas que afectan á nosa sociedade. A avaricia das grandes cadeas hoteleiras e empresas en xeral, a insostibilidade do sector turístico e a súa dependencia da precariedade, a vinculación entre o xénero e certos traballos, e as situacións as que se enfrontan a diario as mulleres polo mero feito de selo.

A obra é un proxecto da compañía A Panadaría, escrito e dirixido polas súas tres compoñentes, Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, e co apoio na coprodución do Centro Dramático Nacional.

Na súa curta traxectoria como equipo dende 2013, A Panadaría gañou o Premio da Crítica Galicia 2015, o Premio Xuventude Crea e un Premio María Casares de interpretación pola súa ópera prima, “PAN! PAN!”. O seu espectáculo de maior repercusión ata a data é “Elisa e Marcela”, que arrasou nos María Casares 2018, levando galardóns ao mellor espectáculo, así como a dirección e as actrices.

O programa completo de cultura de Ames do primeiro semestre de 2022, elaborado pola Concellaría de Cultura en conxunto coa Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), pode consultarse ao completo premendo nesta ligazón.

Pola súa banda, a programación ao completo dos actos do 8M en Ames pódese consultar premendo nesta ligazón.

Venda de entradas e descontos

As entradas poden adquirirse por 5 euros a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames, ou ben unha hora antes do comezo do espectáculo na Casa da Cultura de Bertamiráns, no caso de que aínda estean dispoñibles. Haberá prezo reducido do 50% do custo ordinario para o estudantado con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos, a rapazada menor de 12 anos, as familias numerosas, a mocidade co carné xove e as persoas demandantes de emprego. Ademais, as persoas que mercaran os bonos cultura poderán acceder directamente á butaca que reservaran coa compra do pase.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Teatro para compartir la dureza laboral de las kellys con la obra ‘As que limpan’"

As “kellys”, protagonistas da obra “As que limpan”, este venres 18 en Bertamiráns

Multimedia

  • As “kellys”, protagonistas da obra “As que limpan”, este venres 18 en Bertamiráns
  • As “kellys”, protagonistas da obra “As que limpan”, este venres 18 en Bertamiráns
  • As “kellys”, protagonistas da obra “As que limpan”, este venres 18 en Bertamiráns