Pestanas principais

La Lila de Bertamiráns e Arola do Milladoiro gañan o Premio especial do público no XII Concurso de Escaparates de Nadal 2017

Sábado, 27 de xaneiro de 2018

[27-01-2018] A Concellaría de Promoción Económica vén de dar a coñecer os gañadores dos premios que quedaban por repartir da décimo segunda edición do Concurso de Escaparates de Nadal. Os establecementos galardoados co Premio especial do público son La Lila, en Bertamiráns, con 150 votos, e Arola Moda e Complementos, no Milladoiro, con 362 votos. A través dun sorteo, levado a cabo entre os clientes que votaron no concurso de escaparates, determinouse que Paula Fernández, de Brión, así como Francesca Rufo e José Becerra, os dous de Ames, son os premiados/as cun talón de 300 euros cada un. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o resultado das votacións do Premio especial do público.


As persoas membros do xurado que efectuaron o reconto dos votos e extraeron os boletos das urnas foron Pablo Suárez, da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, Salomé Blanco, da Asociación de Empresarios do Polígono Novo Milladoiro, e José Manuel Fernández, da Asociación Viorneira Palmira Bulevar, tamén do Milladoiro. A técnica de Turismo, Sonia Moure, e o técnico AEDL, Jorge Couñago, asistiron en calidade de secretaria e secretario do xurado.

Do reconto efectuado dos boletos acadáronse os seguintes resultados. En total, emitíronse 2.361 votos (1.283 en Bertamiráns e 1.078 no Milladoiro) dos cales 94 foron nulos (33 en Bertamiráns e 61 no Milladoiro).

Tralo reconto dos boletos, os establecementos que recibiron o maior número de votos e polo tanto foron os gañadores do Premio especial do público foron La Lila, en Bertamiráns, con 150 votos, seguida de Queen´s Moda con 143 votos e Peluquería Cristina Bravo con 136 votos. No Milladoiro gaño Arola Moda e Complementos con 362 votos. Neste caso, no segundo lugar quedou El Patio de Mi Casa con 234 votos, e Cousalinda en terceira posición con 146 votos. Os dous comercios gañadores serán premiados con 200 euros cada un.

Por outra banda, realizouse o sorteo de tres cheques por valor de 300 euros cada un entre todas aquelas persoas que emitiron, polo menos, un voto para elixir o Premio especial do público. Os premiados/as foron Paula Fernández, de Brión, así como Francesca Rufo e José Becerra, os dous de Ames. Ademais, retiráronse seis papeletas máis, cos datos de aquelas persoas suplentes dos gañadores/as, e que obterían o premio no seu lugar en caso de non poder contactar con algún dos tres.

Por último, cómpre lembrar que o pasado 21 de decembro fixéronse públicos os establecementos galardoados pola súa destacada decoración, de acordo coas votacións efectuadas polo xurado designado polas asociacións de comerciantes e profesionais que están funcionando actualmente no concello. Nesta edición participaron un total de 44 comercios (26 en Bertamiráns e 18 no Milladoiro). Lembramos que o primeiro premio recaeu en Espacio Metro, de Bertamiráns, que obtivo 35 votos. O segundo premio foi para Zona PC, tamén de Bertamiráns, con 34 votos, mentres que o terceiro premio levouno Carnicería Sigüeiro, do Milladoiro, con 33 votos.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "La Lila e Arola gañan o premio do público no concurso de escaparates"
La Voz de Galicia: "Los comercios La Lila, de Bertamiráns, y Arola, de Milladoiro, los mejores escaparates"