Pestanas principais

“Leira” achegou ao público amesá a dura beleza da agricultura

Luns, 09 de agosto de 2021

A montaxe da compañía Nova Galega Danza sorprendeu e engailou ao público do Auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. “Leira”, o espectáculo que mestura a danza coa música en directo de Rosa Cedrón transportou á veciñanza amesá ao campo e fíxoo sabedor da dureza dos labores do campo.

“Leira”, o novo traballo de Nova Galega de Danza, representouse no Auditorio da Casa de Cultura de Bertamiráns o venres 6 de agosto ante un público moi entregado. “Leira” é unha coreografía humana de apeiros de labranza, de corpos que cargan e arrastran, que danzan entre os sucos arados na terra e que nun mesmo escenario integra a voz de Rosa Cedrón coa danza de Inés Vieites, Estefanía Gómez, Iván Villar, César Louzán, Pablo Sánchez, Ricardo Fernández e Uxía Rivas sobre a música composta por Sergio Moure.

A representación mostra, a través da música e do baile, como o corpo e a terra estreitan os seus lazos para transportar ao público á dura beleza dos labores do campo. A muller, no centro desta conexión telúrica, día e noite, xornada tras xornada repetida nunha sucesión inesgotable de estacións. O sol e a choiva, o vento xeado, crúas paisaxes de intemperie habitadas unicamente por unha coreografía humana de apeiros de labranza.

Jaime Pablo Díaz é o director de Nova Galega de Danza e do espectáculo de danza Leira, que acadou o Premio do público na MIT de Ribadavia 2020. A montaxe, tamén, é finalista dos Premios Max 2021 nas categorías de mellor espectáculo de danza e mellor intérprete de danza masculino de danza.

O público amesán non puido máis que renderse ante o traballo dunhas das mellores compañías do país, e por outra parte acompañada dunha das voces máis recoñecidas a nivel internacional.

“Leira” achegou ao público amesá a dura beleza da agricultura

Multimedia

  • “Leira” achegou ao público amesá a dura beleza da agricultura