Pestanas principais

A lingua das bolboretas representarase no Milladoiro o vindeiro 29 de xaneiro

Luns, 25 de xaneiro de 2021

O venres 29 de xaneiro, ás 20.30 horas, a veciñanza de Ames poderá desfrutar desta obra teatral no Milladoiro. A peza, da man da compañía Sarabela Teatro, mestura dous libros de Manuel Rivas: A lingua das bolboretas, a tráxica historia dun neno do rural galego e o seu mestre republicano na Guerra Civil, e A traxectoria do balón, un conto no que se inclúe o universo feminino. Xa se poden mercar as entradas na Billeteira electrónica. A entrada xeral ten un prezo de 4 euros, mentres que as entradas con prezo reducido custan 2 euros.

A programación cultural do Concello estréase para os adultos e adultas coa obra A lingua das bolboretas. Grazas á compañía Sarabela Teatro, a veciñanza de Ames poderá acudir a este evento cuxo relato está baseado en dúas obras de Manuel Rivas.

Baixo a dirección de Gonçalo Guerreiro, a historia narra a relación dun neno do rural galego, Pardal, co seu mestre republicano, Gregorio, durante os anos da Guerra Civil. O proceso de aprendizaxe que comeza o rapaz grazas ao seu titor, unha figura que simboliza a liberdade que xera o coñecemento, é testemuña da traxedia que supón vivir con medo, do cru impacto que xera o estalido dunha guerra.

Sarabela vai un paso máis aló e decide mesturar con A lingua das bolboretas o conto de Rivas, A traxectoria do balón. Deste xeito, inclúese na trama o universo feminino, a importancia da muller na historia e a problemática da violencia de xénero.

Fernando Dacosta, Elena Seijo, Fina Calleja, Sabela Gago, Josito Porto e Fran Lareu son os actores e actrices que darán vida a esta obra coa que Sarabela, compañía ourensana, celebra 40 anos de traxectoria profesional nos escearios.

Venda de entradas
Xa se poden mercar as entradas na Billeteira electrónica. A entrada xeral ten un prezo de 4 euros, mentres que as entradas con prezo reducido custan 2 euros. As entradas para asistir a ditos espectáculos tamén se poden adquirir nas Casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo (de haber entradas dispoñibles).

Coa finalidade de facilitar a asistencia aos espectáculos e potenciar a participación establécese un prezo reducido do 50% do custo ordinario da entrada a estudantes con carné de estudante, a persoas maiores de 60 anos, a persoas menores de 12 anos, a familias numerosas, a mozos e mozas co carné xove e a persoas demandantes de emprego (no control de accesos dos auditorios poderá solicitarse a documentación acreditativa da idade).
A-Bonos

Para facilitar a asistencia da veciñanza amesá á ditos espectáculos vén de nacer o A-Bono para asistir aos sete espectáculos dirixidos a público infantil e aos seis espectáculos para público adulto que se van a desenvolver durante o primeiro semestre de 2021. Deste xeito existen dous tipos de A-Bonos:
-Abono Teatro Adulto: 15 euros. Válido para asistir aos seis espectáculos deste 1º semestre (A Lingua das Bolboretas, O Montacargas , Sofía e as Postsocráticas, Mocos, Pink Unicorns, Liberto ). Poñeranse á venda un máximo de 10 bonos.
-Abono Teatro infantil: 14 euros. Válido para asistir aos sete espectáculos deste 1º semestre (Paio e o poder da música , Voa voa!, Uxía (trío), Catro, Mai Mai, Almanaque musical, Don Gaiferos) . Poñeranse á venda un máximo de 10 bonos.
A venda de A-Bonos realizarase na Casa da Cultura do Milladoiro a partir do luns 15 de xaneiro, os luns, xoves e venres, de 10:00 a 14:00 horas. Tamén se fará o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo de cada función (de quedar bonos dispoñibles). Para máis información pódese enviar un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 662377444. Preme nesta ligazón para obter máis información sobre os A-Bonos e a venda de entradas.

Normas de organización e acceso ao recinto
• A venda de entradas pechará con estrita puntualidade cinco minutos antes da hora prevista de comezo do espectáculo. Unha vez comezado o espectáculo, ninguén poderá acceder á sala.
• Solicítase a máxima colaboración anticipando a hora de chegada para evitar colas a última hora que produzan o atraso do comezo do espectáculo.
• As portas de acceso abriranse 15 minutos antes da hora prevista do comezo do espectáculo.
• Todo o público deberá contar con entrada, independentemente da idade ou de ocupar ou non butaca. Non poderá acceder ao recinto ninguén sen entrada para poder computar a capacidade efectiva por razóns de seguridade e conforme ao número de prazas permitido en cada recinto. A capacidade é única e compútase por persoas, non por butacas ocupadas.
• Non se admiten cambios nin devolucións.
• A organización informa, nos programas editados para a difusión de cada programación, sobre as idades recomendadas para de-terminados espectáculos. Solicitamos que, na medida do posible, se respecten esas recomendacións co obxectivo de garantir o seu correcto desenvolvemento.
• Nos espectáculos programados quedan reservados todos os dereitos de imaxe e de propiedade intelectual. As persoas portado-ras da entrada non poderán introducir cámaras de fotografar, de vídeo ou gravadoras; tampouco poderán filmar ou gravar o espectáculo sen autorización escrita do/a organizador/a; en todo caso, actuarase conforme os acordos e a lexislación vixente que corresponda.

Cartaz "A lingua das bolboretas".

Multimedia

  • Cartaz "A lingua das bolboretas".