[15-11-2018] Despois do éxito de A casa encantada de Alí, Luís Prego e Fabaloba regresan a Ames o vindeiro sábado, 24 de novembro, para poñernos ao día sobre as aventuras da súa protagonista. O conto-obradoiro Un bico para Alí, encadrado no programa Apego, constará de dúas sesións en que unha vintena de familias con nenas e nenos de 0 a 6 anos poderán participar nunha chea de xogos, contos e cancións. Para acudir é necesario inscribirse antes do 23 de novembro, mediante o envío dun correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, en que apareza o nome e idade dos participantes, un teléfono de contacto e a sesión escollida.
Alí volta a Ames para facer partícipes aos máis cativos e cativas dunha das súas novas aventuras. Despois de coñecer como é a vida na súa casa encantada, o vindeiro sábado, 24 de novembro, Luís Prego e Fabaloba representarán na Casa da Cultura do Milladoiro un novo conto-obradoiro, no que a protagonista e os nenos/as deberán axudar ao seu amigo Antón a recuperar a fala despois de que un vento traveso lla levara.
Nesta actividade, da que se realizará unha sesión ás 11.00 e outra ás 12.00h, poderán participar un total de corenta familias con nenos e nenas de entre 0 e 6 anos, que poderán cantar, contar e xogar co resto de familias ao tempo que coñecen ferramentas para compartir xogos e ilusións coas crianzas.
Para participar nesta actividade, á que poderán acudir vinte familias por sesión, é necesario inscribirse antes do 23 de novembro a través do envío dun correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, no que debe figurar o nome e idade dos participantes, un teléfono de contacto e a sesión na que se quere participar. Os interesados en recibir máis información poderán chamar teléfono 662 377 215.
O programa Apego
Esta actividade enmárcase dentro do programa do Apego, que é un proxecto colectivo que busca acompañar, dar apoio ás familias e poñer en valor a transmisión da lingua galega ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, nomeadamente dos 0 aos 6 anos. Con estes obxectivos ofrécese información, recursos e actividades variadas tanto para familias, coma para os nenos e nenas, educadoras e educadores... O proxecto pretende, ademais, que as crianzas se socialicen en galego e reforzar nelas a identidade coa familia e coas raíces a través de diferentes recursos lúdicos, formativos e informativos. En Ames, o programa do Apego conta xa con máis de 100 familias adheridas.
As familias que estean agardando un bebé ou que teñan crianzas de 0 a 6 anos poden inscribirse no programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, ben a través do correo indicado máis arriba, ben a través do teléfono 662 377 215. Desde o momento en que se inscriban recibirán información e recursos útiles para a crianza. Pódese ampliar a información sobre o programa visitando a páxina web www.apego.gal
Contido relacionado
Compostela 24 horas: "Alí regresa a Ames con novas aventuras"