Pestanas principais

Luísa Feijóo representa ao Concello de Ames na primeira Asemblea do Fondo Galego de Cooperación trala renovación da súa Comisión executiva

Xoves, 17 de marzo de 2016

[17-03-2016] Esta mañá, na sede da Fegamp situada na Rúa Varsovia de Santiago de Compostela, tivo lugar a Asemblea Xeral de socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e o técnico municipal do Departamento de Servizos Sociais, Leonardo Pena, acudiron en representación do Concello de Ames. Os puntos tratados na reunión foron a aprobación do balance económico de 2016, a proposta de ratificación de altas e baixas e a presentación da planificación do presente exercicio e do orzamento previsto para o 2016.

Trátase esta da primeira asemblea que convoca o Fondo Galego de Cooperación dende a renovación da Comisión Executiva, levada a cabo tralas eleccións locais de maio de 2015. Á asemblea asistiron as persoas representantes dos Concellos e das Deputacións socios. Na actualidade colaboran co Fondo Galego de Cooperación 84 Concellos, entre os que se atopa Ames, e as Deputacións de A Coruña e de Lugo. A presentación do plan de actividades para este ano contou coa actuación do grupo Batuko Tabanka de Burela, integrado por mulleres caboverdianas. O grupo fixo unha presentación da actividade que levarán a cabo este ano para acompañar a exposición "Galicia-Cabo Verde, unha irmandade".

A xuntanza deu comezo ás 11:00 horas. O presidente do Fondo Galego de Cooperación, Juán González, abriu sesión expoñendo un informe da situación na que se atopa a entidade na actualidade. A continuación someteuse a aprobación, polas persoas representantes das administracións sociais, do balance económico do ano 2015. Posteriormente deuse conta das derradeiras altas e baixas dos socios do Fondo Galego de Cooperación.

Para finalizar a reunión presentouse o Plan de actividades 2016, que leva por título "O municipalismo galego, aberto a cooperar". O plan inclúe unha serie de accións estratéxicas de fortalecemento da entidade, exposición das ferramentas de sensibilización social fronte á desigualdade das que dispón o Fondo, a implicación presente e futura en proxectos de cooperación internacional e de comunicación e estratexias para a captación de novas colaboracións con administracións locais. Ademais o Plan prevé a organización dunha nova edición do concurso fotográfico "Imaxes con Fondo", a intensificación dos traballos de cooperación en Mozambique e a busca de novos programas de cooperación nos que colaborar.

A novidade das actividades que se desenvolverán ao longo deste novo exercicio é o seu acompañamento por unha unidade didáctica, que proporá exercicios e obradoiros a realizar, por exemplo, co alumnado de centros escolares nas actividades de sensibilización.

As actividades do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en Ames
Dende o seu nacemento en 1997 o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade leva desenvolvidos máis de 150 proxectos en 25 países. Estes proxectos teñen por un lado unha vertente comunicativa e de sensibilización, enfocada a analizar as relacións Norte-Sur tanto estatais como internacionais, e outra de cooperación activa en proxectos no terreo.

No ano 2015, tras catro anos nos que non se renovou a cota de socio, Ames volvía colaborar co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, para o que abonaba as cotas atrasadas. Dende entón o Concello amesán participa novamente nas asembleas e nas actividades programadas polo Fondo. Dende a renovación da súa inscrición o Concello de Ames acolleu, no mes de outubro no recinto do Pazo da Peregrina, o Foro sobre a xestión municipal do Dereito Humano á auga. A actividade foi aberta a todas as persoas interesadas no eido e contou coa colaboración non só do Fondo, senón tamén da ONGD Enxeñería sen Fronteiras Galicia. O municipio tamén exerceu de anfitrión dunha das xuntanzas que a Rede Municipalista Solidaria do Fondo convocou en novembro. Nela reuniuse o persoal técnico das administracións socias para dar conta dos proxectos apoiados en países do Sur e presentar distintas actividades de sensibilización.

As Casas da Cultura de Ames, tanto a do Milladoiro como a de Bertamiráns, recibiron ademais os 12 paneis que compón a mostra "Influír no Global desde o Local", do Fondo Galego de Cooperación. A mostra estivo exposta entre os días 25 de xaneiro e 12 de febreiro no Milladoiro e entre os días 22 de febreiro e 11 de marzo en Bertamiráns.