Pestanas principais

Luxo no lixo, unha exposición urbana de versos rosalianos, abre a programación Rosalía 24 do Concello de Ames

Sábado, 17 de febreiro de 2024

Este xoves, 15 de febreiro, comezou a programación Rosalía 2024 coa exposición de versos rosalianos nas rúas e nas prazas amesás, Luxo no Lixo. Esta exposición urbana ao aire libre abrangue unha ampla e variada escolma textos rosalianos e utiliza un soporte tan pouco convencional coma a propia autora na procura de xerar impacto e de darlle visibilidade ao pensamento e á obra de Rosalía de Castro. Así, toda a veciñanza e  quen visite Ames entre o 15 e o 29 de febreiro atopará por todo o concello papeleiras coa silueta e con versos e outros textos da autora. Esta iniciativa forma parte das actividades que se van desenvolver en Ames co gallo do Día de Rosalía.

Un ano máis, o Concello de Ames súmase á conmemoración do aniversario de Rosalía de Castro, unha das escritoras máis universais que deu Galicia e estreitamente relacionada co noso concello dado que a súa familia paterna residía na Tarroeira, en Ortoño. Ademais, desde marzo do ano pasado, Rosalía é filla adoptiva de Ames, froito dun acordo plenario tomado por unanimidade de toda a corporación.

A programación deste ano, deseñada e organizada conxuntamente por varios departamentos municipais (Normalización Lingüística, Turismo, Mocidade e Bibliotecas),  abriu o xoves, 15 de febreiro, con “#Luxo no lixo”, unha exposición urbana ao aire libre que enche as rúas e as prazas do concello de textos rosalianos. Esta intervención consta dunha ampla e variada escolma de textos expostos nas papeleiras municipais, un soporte tan pouco convencional como a propia autora que busca xerar impacto e darlles visibilidade á obra e ao pensamento rosalianos. A escolma realizouse desde o Servizo de Normalización Lingüística municipal, coa colaboración dos escritores amesáns Carlos Negro e María López Sández, e pretende ser representativa da autora ademais de animar á veciñanza a descubrir ou redescubrir a obra de Rosalía, sempre con textos próximos e de actualidade malia levaren escritos e publicados máis dun século.

Luxo no Lixo estará exposta ata o 29 de febreiro tanto nas rúas e prazas do concello como nos centros educativos de infantil, primaria e secundaria grazas á colaboraración de todos os equipos de dinamización e normalización da lingua galega dos colexios e institutos. O alumnado das escolas unitarias municipais de Ortoño e Covas teñen un protagonismo especial,  dado que colaboraron coa intervención levando un dos vinilos de Luxo no Lixo para a casa e colocándoo coa súa familia nun lugar escollido por eles e elas.

Programación “Rosalía Ames 2024”
O sábado, 17 de febreiro, desenvolverase a actividade “Viaxando con Rosalía”, unha excursión literaria á casa de Rosalía en Padrón, con paradas en Ortoño e Bastavales. A visita estará guiada pola experta rosaliana María López Sández. Nesta actividade hai inscritas 55 persoas.

O xoves 22 de febreiro terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro o obradoiro “Música e Rosalía” de Leticia Falcón. Esta proposta, incluída tamén na programación Apego, é un obradoiro de estimulación temperá para crianzas de 0 a 6 anos que busca achegar aos máis pequenos á música e á lingua a través da figura de Rosalía de Castro. É precisa inscrición previa, entre o 15 e o 21 de febreiro, enviando un correo a normalizacion@concellodeames.gal.

Ademais, o xoves 22 de febreiro desenvolverase unha nova edición das iniciativas “Caldo de Gloria” e “Café con verso” nos comedores escolares e nos locais de hostalaría de Ames. Nesta edición, o “Café con Verso” estará amenizado por actuacións musicais a cargo de Luis O’Caruncho e Oli Xiráldez nos locais que se inscriban. Ademais, os músicos repartirán unhas tarxetas con versos rosalianos para difundir a súa obra, pensamento e figura. A iniciativa Café con verso xurdiu no ano 2017 froito da colaboración entre o Concello de Ames e mailo poeta amesán Carlos Negro.

Como xa vén sendo habitual, nos comedores dos centros escolares de Ventín, Barouta, Agro do Muíño e Maía poderase degustar o Caldo de Gloria, ao mesmo tempo que a cativada gozará dunha pequena animación musical con versos rosalianos da man de Luís O’Caruncho e Oli Xiráldez. O Caldo de Gloria descríbeo a escritora no seu poema “Miña casiña, meu lar” de Follas Novas.

Obradoiros nas bibliotecas municipais
Por outra banda, o venres 23 e o sábado 24, nas bibliotecas municipais haberá dous obradoiros para facer pins e chapas rosalianos. Dirixidos a nenos e nenas a partir de 3º de primaria, serán o venres ás 17:30 horas na biblioteca do Milladoiro, e o sábado ás 11:30 horas na biblioteca de Bertamiráns. O prazo de inscrición é do 12 ao 21 de febreiro e quen queira pode inscribirse chamando aos teléfonos 981 530 807 e 981 884 829 ou enviando un correo ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal.

Gala homenaxe a Rosalía de Castro
A Gala de homenaxe a Rosalía de Castro celebrarase o venres, 23 de febreiro, ás 19.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Nela participarán os centros educativos de Ames e contará coa actuación musical da cantautora e dj High Paw. A gala estará presentada por Cristina Collazo e a entrada será libre ata completar o aforo.

Andaina polo Mar de Ovellas
Este ano, como novidade, o domingo 25 de febreiro realizarase unha andaina teatralizada pola Costa do Mar de Ovellas baseada no poema rosaliano “A probiña, que está xorda...!”. A ruta desenvolverase coa colaboración do grupo teatral Os Quinquilláns e do músico Luis O’Caruncho. O percorrido será de 4 km, de dificultade media (cunha subida inicial cun desnivel do 10%), terá unha duración aproximada de 2 horas e, ao remate haberá unha degustación de Caldo de Gloria. Conta cun total de 55 prazas, polo que para participar é preciso inscribirse enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, entre o 15 e o 22 de febreiro.

Luxo no lixo, unha exposición urbana de versos rosalianos, abre a programación Rosalía 24 do Concello de Ames

Multimedia

  • Luxo no lixo, unha exposición urbana de versos rosalianos, abre a programación Rosalía 24 do Concello de Ames
  • Luxo no lixo, unha exposición urbana de versos rosalianos, abre a programación Rosalía 24 do Concello de Ames
  • Luxo no lixo, unha exposición urbana de versos rosalianos, abre a programación Rosalía 24 do Concello de Ames
  • Luxo no lixo, unha exposición urbana de versos rosalianos, abre a programación Rosalía 24 do Concello de Ames
  • Luxo no lixo, unha exposición urbana de versos rosalianos, abre a programación Rosalía 24 do Concello de Ames
  • Luxo no lixo, unha exposición urbana de versos rosalianos, abre a programación Rosalía 24 do Concello de Ames
  • Luxo no lixo, unha exposición urbana de versos rosalianos, abre a programación Rosalía 24 do Concello de Ames