Pestanas principais

A Luz de Rosalía iluminará as rúas máis transitadas do concello entre o 22 de febreiro e o 7 de marzo

Martes, 09 de febreiro de 2021

Co gallo do mes de Rosalía, o Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración cos equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos de infantil e primaria do concello, pon en marcha “A luz de Rosalía”, unha intervención poética urbana que inzará de versos rosalianos os farois das rúas máis transitadas do municipio.  Profesorado e alumnado traballa esta primeira quincena de febreiro na escolla dos versos, mentres que a Concellaría de Normalización Lingüística comezou xa a repartir polos centros educativos os soportes nos que, ademais das palabras de Rosalía elixidas por cada centro, sinalarase a aula que realizou o traballo e o colexio ao que pertence. Desde o 22 de febreiro até o 7 de marzo, toda a veciñanza poderá gozar desta exposición urbana coa que se conmemora o aniversario da poeta.

Pintaron e escribiron versos sobre lousas que colocaron nos parques, procuraron versos nos pasos de peóns, espallaron a palabra de Rosalía en cartaces que pegaron nos portais e nos edificios oficiais, converteron os escaparates  en fiestras rosalianas.... non é o primeiro ano que o Servizo de Normalización Lingüística e os equipos de Dinamización da Lingua Galega dos colexios de Ames, afrontan conxuntamente unha acción que actualiza e pon en valor a figura de Rosalía de Castro e que  espalla a súa obra e o seu pensamento entre a poboación de Ames. Desta volta, o proxecto consiste nunha intervención poética urbana denominada “A Luz de Rosalía”. Con toda a lóxica do mundo, porque os versos e a palabra de Rosalía poderán lerse en 130 “lonas poéticas” penduradas dos farois das zonas máis transitadas de Bertamiráns e do Milladoiro. A exposición urbana estará instalada desde o do 22 de febreiro  até o 7 de marzo.

“Os obxectivos centrais desta intervención son revitalizar o pensamento, a figura e a obra de Rosalía de Castro, pór en valor o vínculo da escritora co concello e achegar referentes públicos que contribúan a recoñecer a nosa lingua como expresión xenuína das galegas e galegos”, manifesta a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín. Pampín resalta ademais o compromiso lingüístico de Rosalía e a vixencia da súa obra, dado que denuncia temas de actualidade como a emigración, a desigualdade de xénero,  as inxustizas sociais...  O seu compromiso e a súa luz seguen sendo imprescindibles hoxe e sempre para avanzarmos como pobo.

Participan no proxecto o CEIP Agro do Muíño, os CEIP de A Maía, Barouta e Ventín, a Escola Infantil do Milladoiro e as escolas unitarias de Covas e da Tarroeira.

Traballo previo
O alumnado e o profesorado dos centros de ensino de educación infantil e primaria de Ames traballan xa na selección de versos ou poemas de Rosalía de Castro. Cada aula faino con un ou dous poemas. Esta escolma plasmarase nun PVC facilitado polo Concello. Cada un deles irá identificado coa clase que realizou o traballo e o colexio ao que pertence. Os PVC fixaranse despois nos farois das rúas acordadas, sempre en lugares frecuentados pola veciñanza e polas persoas que pasen ou se acheguen ao concello de Ames.

Nesta ocasión, por mor da pandemia, o alumnado non estará na rúa para colocar os seus traballos e será o propio Servizo de Normalización Lingüística os que se encarguen de pendurar os PVC dos farois e quen os recolla despois. O SNL comeza estes días a repartir os PVC.

Obxectivos
O Servizo de Normalización Lingüística de Ames afronta esta acción para revitalizar o pensamento, a figura e a obra de Rosalía de Castro e pór en valor o vínculo da escritora co concello. Tamén quere colaborar a restaurar a visión de Rosalía como unha escritora culta, feminista e comprometida co país, coas súas clases populares e cos sinais de identidade de Galicia. Pretende asemade achegar referentes públicos que contribúan a recoñecer a nosa lingua como expresión xenuína das galegas e galegos.

Dinamizar e estimular o uso do galego nas crianzas de infantil e primaria e no persoal dos centros de ensino, así como entre a veciñanza é outra das intencións de “A Luz de Rosalía”, do mesmo modo que o é fomentar a creatividade en lingua galega como forma lúdica de galeguización e contribuír ao achegamento, á posta en valor, á difusión e á visibilización da poesía galega entre o alumnado de infantil e primaria e entre a veciñanza en xeral.

Por outra banda, con esta acción afianzase o obxectivo de establecer redes de colaboración entre e cos centros de ensino do concello ao tempo que se socializa o traballo da comunidade educativa amesá e se sensibiliza sobre o respecto e o coidado do noso patrimonio natural e cultural.

Cartel de A Luz de Rosalía