Pestanas principais

As Maianas e Xabier Díaz nas Noites en Vela da Ponte Maceira este venres 15 de xullo

Xoves, 14 de xullo de 2016

[14-07-2016] As persoas amantes da música tradicional teñen unha cita en Ames este venres, 15 de xullo Pola noite o músico, compositor e investigador Xabier Díaz ofrecerá un concerto en solitario na Ponte Maceira, onde compartirá este escenario tan especial coas Maianas, agrupación de pandereteiras ben coñecida entre a veciñanza amesá e nos escenarios e prazas alén do Val da Maía.

O músico explica a dobre ligazón que ten con Ames. En Agrón, xa fai uns anos, realizou gravacións e aprendeu “das tocadoras da zona”, no segundo gravou “o primeiro vídeoclip do seu último traballo, coa canción Cantiga da Montaña”. Ademais del as persoas que se acheguen á Ponte Maceira, a partir das 22:30 horas, poderán gozar dun concerto a cargo do propio Xabier Díaz e do grupo de padereteiras As Maíanas.

Deste xeito, Xabier Díaz volta a Ponte Maceira para ofrecer un concerto en solitario “acompañado por instrumentos de percusión: pandeireta, adufe e pandeira". Adianta que "vai ser moi especial" e que cando toca en solitario nin el mesmo sabe "como será o concerto". O concerto enmárcase na programación das Noites en Vela, espectáculos que acolle a Ponte Maceira á luz das candeas. O deste venres comezará ás 22:30 horas. Xunto a Xabier Díaz tocarán As Maianas.

O grupo de pandereteiras As Maianas comeza a xestarse no Obradoiro de Baile e Música Tradicional do Concello de Ames, onde as súas integrantes se coñecen, fanse amigas e deciden comezar xuntas este proxecto musical. Dende entón recibiron varios premios, entre eles o Premio do Xurado do concurso da Radio Galega “Vas sacar nota?” en 2012 e o concurso Novos Valores promovido polo Festigal, no ano 2015. Ademais de tocar polas catro provincias galegas, tanto en escenarios como tomando as rúas e as prazas cos seus instrumentos, teñen gravado varios traballos e colaborado con numerosos grupos galegos, como Quiodlibet ou Os Coribantes. Actualmente están traballando na gravación doutro álbum.