Pestanas principais

As Maianas presentan o seu novo disco, “De trisca!”, o próximo 26 de xaneiro na Casa da Cultura de Bertamiráns

Xoves, 16 de xaneiro de 2020

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle o próximo domingo, 26 de xaneiro, ás 18.00 horas, a presentación do novo disco das Maianas. Trátase dun acto no que colaboran Xosé Martíns, Coribantes, Bea a de Estrella, Marina Nieto e mailo Concello de Ames. O seu novo traballo poderase mercarse alí mesmo, con entrada de balde ata completar o aforo.

“De trisca!” é unha expresión que se utiliza en Lugo para cando se vai de foliada, e é o nome que elixiu o grupo das Maianas para o seu novo traballo. Inés Suárez, unha das súas compoñentes, describe o disco como un “repertorio de cancións que representan iso, ir de festa e de foliada”. E aínda que recolle novas cancións como a que fai referencia o título do disco, tamén inclúe aqueles temas que a maioría da xente xa se sabe.

Un disco no que, tal como asegura Inés, “levabamos traballando moitos anos preparando os temas e estamos moi contentas de poder sacalas”. Nel colaboran con outros artistas como Xosé Martíns, gaiteiro natural da Estrada, Os Coribantes, de Ponte Caldelas ou Bea a de Estrella, e todos estarán no acto de presentación deste novo traballo.

Dende o grupo musical animan a toda a veciñanza a asistir a esta foliada, que se vai a celebrar no mesmo lugar que actuaron por primeira vez: no auditorio Casa da Cultura de Bertamiráns.
 
As Maianas
As Maianas son un grupo de cantareiras que naceu nun obradoiro de música tradicional do Concello de Ames, onde se coñeceron todas as integrantes e gravaron un disco promocional: Xota da Amaía, cun repertorio puramente tradicional. No ano 2007 comezou a súa andaina xuntas, coa constitución do grupo. Introducindo temas de composición propia, mesturados con creación melódica e lírica, apostando polos xogos vocais e a esencia da tradición adaptada ao seu sentimento.

As súas voces están acompañadas por instrumentos tradicionais de percusión como pandeiretas, pandeiras, pandeiros ou carrizos, así como outros instrumentos “máis pobres” como cunchas ou cuncas. A percusión corporal, o son do clarinete, da frauta tenor e da guitarra española dan un toque maiano aos arranxos das pezas.

Como resultado desta nova andaina xurde no ano 2011 o seu primeiro traballo discográfico como Maianas: "Como canta". No ano seguinte, colaboran co dúo pontevedrés Quodlibet e o seu Proxecto Mistura, participando na gravación do seu primeiro disco, "A cor do son". No verán de 2012 reciben o premio do Xurado no concurso da Radio Galega “Vas sacar nota?” polo tema “Xa te olvidaches de min”. Ademais, dende o 2013 colaboran coa banda de gaitas Os Coribantes (Pontecaldelas). No ano 2015 gañan o concurso Novos Valores promovido polo Festigal, formando parte do cartel deste consolidado evento musical e cultural.

A presenza das Maianas nos medios públicos galegos é numerosa. Visitaron diferentes programas da CRTVG como Lume na palleira, Heicho cantar, E ti que tocas?, Somos quen ou Un sitio á sombra, así como participaron no Luar, Fun polo aire ou Galicia Viva.

E por se isto fose pouco, Maianas organiza dende 2008 o Festival de Música Tradicional Val da Maía, por onde xa teñen pasado agrupacións musicais de toda Galicia.

 

Novas relacionadas:

Lindeiros: "As Maianas presentan o seu novo disco, “De trisca!” en Ames"

La Voz de Galicia: "Maianas estrea hoxe «De Trisca!»: muiñeira, xota e tamén rumba"

Presentación do novo disco das Maianas

Multimedia

  • Presentación do novo disco das Maianas