Pestanas principais

Máis de 100 nenos e nenas participan na Primavera Lúdica 2024

Martes, 26 de marzo de 2024

Este luns, 25 de marzo, deu comezo unha nova edición da Primavera Lúdica, na que están a participar 105 nenos e nenas. A finalidade deste programa, que se desenvolve no CEIP da Maía e no CEP de Ventín, é facilitar a conciliación das familias amesás durante as vacación escolares de Semana Santa. As actividades, impartidas de 7.30 á 16.00 horas cos servizos de Bos Días e comedor incluídos, continuarán até o luns 1 de abril. Nesta edición, baixo o nome “Aventuras zumbantes!”, o programa céntrase nas abellas e no fundamental labor que realizan para a conservación da biodiversidade e do equilibrio do medio natural.

O programa Primavera Lúdica desenvólvese durante os días 25, 26, 27 de marzo e 1 de abril, coincidindo coas vacacións escolares de Semana Santa. Nel ofértanse os servizos de conciliación habituais dos programas municipais, como son os Bos Días ou o comedor, para adaptarse ás necesidade de cada familia e facilitar así a conciliación. Por esta razón, os horarios e entrada e saídas das crianzas participantes tamén son flexibles: poden comezar ás 7:30 ou ás 9:00 horas (cun almorzo opcional para os máis madrugadores), e ser recollidos ás 14:30 ou ás 16:00 horas.

O programa estase a levar a cabo tanto no CEP de Ventín (onde participan 61 nenos e nenas) como no CEIP da Maía (con 44 usuarios). Nesta edición, as actividades xiran arredor das abellas e da súa importancia á hora de protexer e conservar a biodiversidade.

A concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, achegouse esta mañá ata o CEIP da Maía para estar con nenos e nenas que participan nesta edición da Primavera Lúdica. A concelleira comprobou que o programa de conciliación se está desenvolvendo con normalidade. “Estes programas son unha das sinais de identidade do Concello de Ames e resultan fundamentais para que as familias poidan conciliar. Ademais, permiten a creación de vínculos entre nenos e nenas de distintos cursos, nos que se fomenta que se axuden uns aos outros”.      

Aventuras zumbantes!
Nesta edición, o programa da Primavera Lúdica céntrase en traballar a importancia que teñen as abellas como gardiás do noso ecosistema con dinámicas de presentación, con pequenos xogos de preguntas e a realización dunha xincana. Ademais, empregarán as súas características para reflexionar sobre outros moitos aspectos.

Así, realizarase algunha dinámica sobre a diversidade e a súa importancia na sociedade. Os nenos e nenas interiorizarán que cada unha das persoas temos cualidades diferentes, e todas son de importancia para a comunidade.

Tomando como exemplo o traballo en equipo que as abellas sociais exercen, tamén se realizará algún xogo cooperativo, como por exemplo “A vida na colmea”; na que entre todos e todas as participantes realizarán diferentes probas que deberán superar colaborando.

Por outra banda, hai que recordar que dende fai anos, numerosos estudios e organizacións están alertando de que que as abellas están desaparecendo. Para reflexionar sobre esta situación, os nenos e nenas realizarán unha campaña publicitaria a través de pequenos carteis baixo o lema “Salvemos aos polinizadores”. Deste xeito, reflexionarase de que forma podemos axudar a esta especie como seres individuais.

Tamén haberá diferentes tipos de xogos (contacontos, ioga infantil, xogos predeportivos, xogos de comunicación, etc) tematizados para seguir coñecendo a vida destes animais. Finalmente, se as condicións meteorolóxicas o permiten, farase unha pequena ruta próxima aos centros para poder contemplar o despertar primaveral e desfrutar dos beneficios que aporta a natureza.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "La demanda de conciliación en Semana Santa aumenta en la comarca por tercer año"

El Correo Gallego: "Máis de cen escolares de Ames desfrutan da Primavera Lúdica"

Máis de 100 nenos e nenas participan na Primavera Lúdica 2024

Multimedia

  • Máis de 100 nenos e nenas participan na Primavera Lúdica 2024
  • Máis de 100 nenos e nenas participan na Primavera Lúdica 2024
  • Máis de 100 nenos e nenas participan na Primavera Lúdica 2024
  • Máis de 100 nenos e nenas participan na Primavera Lúdica 2024