Pestanas principais

Máis de 1.000 usuarios/as participaron nos programas lúdicos de Ames

Mércores, 19 de xaneiro de 2011

[19-01-2011] Está demostrado que os programa lúdicos que desenvolve o Concello de Ames ao longo de todo o ano están máis que consolidados entre a veciñanza amesá. Así o demostran os datos do último ano. Durante o 2010 foron máis de 1.000 os usuarios/as que participaron nos diferentes programas municipais de conciliación familiar. A estes usuarios hai que sumar preto de 1.500 cativos que están inscritos nos servizos complementarios (Bos días cole, Tardes divertidas, Psicomotricidade, e Rede Municipal de Comedores Escolares) para o curso 2010/2011. Os lúdicos están dirixidos aos nenos e nenas escolarizados no 2º ciclo de educación infantil e en educación primaria que estean empadroados no Concello de Ames. A través destes programas preténdese ofertar unha alternativa que, ademais de ocupar o tempo de lecer dun xeito divertido e educativo no tempo de vacacións escolares, permita ás nais e pais conciliar a vida laboral e familiar.

O Concello de Ames, a través do departamento de Educación, ten en marcha unha serie de programas de conciliación familiar como son os lúdicos (Primavera, Xuño, Setembro e Nadal) e a Escola de Verán. Ademais desenvólvense unha serie de servizos complementarios como son Bos días cole, Tardes divertidas, Psicomotricidade, e Rede Municipal de Comedores Escolares. Rematado o ano 2010 toca facer balance do número de usuarios que participaron nos lúdicos e na Escola de Verán durante o ano pasado. Se temos en conta todos os lúdicos e a Escola de Verán foron máis de 1.000 usuario/as os que se puideron beneficiar destes programas.

Os lúdicos e a Escola de Verán enmárcanse dentro dos programas de conciliación da vida laboral e familiar que desenvolve a concellaría de Educación ao longo de todo o ano. Estes programas comezaron a poñerse en marcha no ano 2003 cando se produciu o cambio de goberno e foron consolidándose ao longo destes anos. Así os programas de conciliación da vida familiar e laboral convertéronse nun sinal de identidade que define ao concello de Ames como un lugar onde se traballa en prol das políticas sociais que propician o benestar da cidadanía.

Estes programas pretenden ser unha alternativa que, ademais de ocupar o tempo de lecer dun xeito divertido e educativo no tempo de vacacións escolares, permita ás nais e pais conciliar a vida laboral e familiar. Os lúdicos están repartidos en catro temporadas ao longo de todo o ano (Primavera, Xuño, Setembro e Nadal). Durante o 2010 un total de 898 usuarios participaron nos programas lúdicos (Primavera 185, Xuño 298, Setembro 204 e Nadal 211).

Ademais estes programas vense reforzados coa Escola de Verán que se desenvolve durante os meses de xullo e agosto. Un xeito diferente de pasar o verán. Ese é o obxectivo deste servizo que pretende ser unha alternativa para que os cativos pasen as súas vacacións dun xeito divertido e educativo. Ademais permítelles ás nais e aos pais conciliar a vida laboral e familiar. O ano pasado neste programa participaron un total de 376 usuarios. Estes programas (os lúdicos e a Escola de Verán) están dirixidos aos nenos e nenas escolarizados no 2º ciclo de Educación Infantil e en Educación Primaria.

Os programas desenvólvense en Bertamiráns e no Milladoiro nos locais habilitados polo Concello. En Bertamiráns as actividades desenvólvense para todos os cativos e durante todos os horarios no CEIP A Maía e no IES de Ames, mentres que no Milladoiro lévanse a cabo na EEI do Milladoiro e no pavillón polideportivo.

Servizos complementarios

Ademais o departamento de Educación ten en marcha unha serie de servizos complementarios como son o Bos días cole, Tardes divertidas, Psicomotricidade, e Rede Municipal de Comedores Escolares. Durante o curso 2010-2011 preto de 1.500 nenos e nenas son usuarios dos servizos complementarios, o que amosa o éxito destes programas educativos. Os servizos de Bos días cole e Tardes divertidas forman parte do completo abano de programas que posibilitan aos pais e as nais de Ames compaxinar traballo e atención familiar.

O servizo de Bos días cole e Tardes divertidas están dirixidos ao alumnado de 2º ciclo de Educación Infantil e Primaria dos centros públicos do Concello de Ames. Nos Bos días Cole aténdese a 243 nenos/as mentres que nas Tardes divertidas hai 116 alumnos/as inscritos.

A Rede Municipal de Comedores escolares atende a 977 alumnos/as de infantil e primaria que acoden diariamente aos comedores escolares dos centros de ensino amienses. Este ano batéronse todas as marcas e dende que comezou a funcionar este servizo, alá polo ano 2003, é o curso que máis alumnos/as se atende nos comedores escolares. Os programas Bos días cole, Tardes divertidas e a Rede Municipal de Comedores Escolares desenvólvese no CEIP A Maía, o CEIP Agro do Muíño, a EEI Milladoiro e o CEP de Ventín.

Por último hai que destacar que 88 nenos e nenas están matriculados nas clases de psicomotricidade educativa e preventiva. Por centros de ensino, no CEIP A Maía hai 32 cativos/as inscritos, no CEIP Agro do Muíño son 27 e na Escola infantil do Milladoiro aténdese a 29 nenos/as.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los planes de conciliación de Ames superaron el millar de usuarios"