Pestanas principais

Máis de 1.100 persoas coidan a súa saúde física e emocional coas actividades en rede de Ames Saudable

Mércores, 17 de febreiro de 2021

Arredor de 1.100 persoas en Ames practican ioga, ximnasia terapéutica ou baile en liña; seguen os menús que cada semana elabora a nutricionista municipal; fan prácticas de estimulación cognitiva; e consultan as seccións de consellos psicolóxicos e recomendacións hixiénico sanitarias a través das redes de Facebook, Youtube e Instagram do programa Ames Saudable. O programa, nado no ano 2009 co obxectivo de promover e fomentar condutas que propicien a saúde, incrementou a súa presenza con actividades en rede en abril de 2020, a raíz do confinamento da Covid-19.

Un dos obxectivos máis importantes das propostas on line do programa Ames Saudable é que veciñanza de Ames, que xa estaba participando nos programas habituais como a Escola de Saúde ou Amessán, continúe coidándose e manténdose en forma. Ademais, preténdese ofrecer alternativas a aquelas outras persoas que queiran iniciarse nalgunha das actividades propostas a pesares das difíciles condicións que estamos atravesando.

Neste senso, cada vez son máis as persoas que practican as propostas que ofrece o portal de Ames Saudable a través das súas canles de Facebook, Youtube e Instagram. O programa propón clases de ioga nas que se ensinan exercicios para todas as idades e condicións físicas. As clases de ximnasia terapéutica están enfocadas á mobilidade, fortalecemento das articulacións e a tonificación de músculos. Ofrécense tamén sesións de tabata que axudan a queimar graxas e sesións de baile en liña que fan máis amena a práctica do exercicio na casa.

Ademais, cada vez son máis as persoas que collen ideas do menú elaborado pola nutricionista municipal, Rosana Martínez, con produtos de tempada e proximidade que cada semana se sube ás redes. Precisamente a contratación da nutricionista no ano 2009 foi un dos eixos nos que se fundamentou o nacemento do programa Ames Saudable. A presenza da especialista no Concello deu tamén un impulso cara a excelencia na Rede Municipal de Comedores Escolares que se creara no 2005.

Porén, as redes sociais de Ames Saudable abarcan moito máis que o coidado do corpo e ofrecen consellos psicolóxicos e recomendacións hixiénico sanitarias. Cómpre salientar asemade, que son moitas as persoas que traballan a súa mente e exercitan a súa memoria a través das fichas de estimulación cognitiva que se soben ás redes do programa periodicamente.

“Nos meses do confinamento decidimos incrementar a nosa presenza nas redes sociais para seguir fomentando hábitos e condutas saudables. Foi un xeito de darlle continuidade ás actividades presenciais que se estaban levando dende a Concellería de Benestar Social e que por suposto estaban pensadas para tódalas idades”, manifesta a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, responsable do departamento que xestiona o programa Ames Saudable. “Ás redes de Youtube, Facebook e Instagram engadimos tamén o contacto vía WhatsApp que desenvolvemos especialmente cos grupos de xente maior que participaban nas actividades de Amessan -engade Feijóo- estamos encantadas de que as nosas avoas se sumen a este carro das clases on line e sigan practicando ximnasia terapéutica e exercicios de memoria malia non poder asistir de xeito presencial aos locais sociais do concello”.

A canle de Facebook de Ames Saudable ten máis de 1.100 seguidores, o alcance das súas publicacións roza as 3.200 persoas cunha media de 705 interaccións por cada publicación. A canle de Youtube en preto de 150 followers. Ames Saudable en Instagram ten 156 seguidores e unha media de 40 visualizacións por vídeo.

Ames Saudable

Multimedia

  • Ames Saudable
  • Ames Saudable
  • Ames Saudable