Pestanas principais

Máis de 120 nenos e nenas de Ames cantaron e bailaron no Encontro dos Axóuxeres

Luns, 29 de outubro de 2012

[29-10-2012] O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu onte pola tarde o Encontro dos Axóuxeres. Esta actividade, organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para os concellos da Rede de Dinamización Lingüística, tivo un grande éxito de público, xa que máis de 120 nenos e nenas de concello de Ames, entre bebés e rapaces de ata tres anos, cantaron e bailaron cos bonecos dos Axóuxeres. Ata o Pazo da Peregrina achegouse a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, que non quixo perderse esta actividade.

O Encontro celebrado en Bertamiráns, que durou unha hora na que se combinaron música e palabras, tivo como obxectivo promover a transmisión interxeracional da lingua galega e está encadrado no programa Axóuxeres 2012. Os nenos e nenas pasaron un anaco moi entretido cantando e escoitando contos coa familia dos Axóuxeres, formada por Lúa, Antón, Iria, Xan, Pelouro, Moncho e R01.

Os Axóuxeres é un programa organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, que nesta ocasión contou coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, e co que se quere axudar os pais e nais a manter a cadea de transmisión da lingua galega, ofrecéndolles espazos de lecer para a familia na nosa lingua e ferramentas para aprender, cantar e xogar en galego cos fillos. Os Encontros dos Axóuxeres é un espectáculo para os cativos e para toda a familia. Axóuxeres é a primeira viaxe polas palabras para os máis pequenos da casa.

A nova edición dos Axóuxeres inclúe, ademais dos encontros teatrais, unha serie de televisión, 20 sesións de cinema interactivo para cativos de tres a seis anos e xogos e cancións para descargar ao ordenador, tableta ou teléfono móbil. Deste xeito, os nenos e nenas galegas poden gozar das peripecias dos Axóuxeres dende as súas casas, no espazo televisivo do mesmo nome que se emite no Xabarín Club dende o luns 22 de outubro. En cada episodio, a divertida familia de xoguete enredará cos nenos para que o pasen moi ben e, ao mesmo tempo, vaian aprendendo a falar. Os 39 capítulos de nove minutos poderanse ver na segunda canle da televisión pública de Galicia de luns a venres á mañá, ao mediodía e pola tarde.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Máis de 120 nenos e nenas de Ames cantaron e bailaron no Encontro dos Axóuxeres"