Pestanas principais

Máis de 1350 usuarios/as utilizaron a Aula de Informática de Ames durante o 2018

Mércores, 08 de maio de 2019

A Aula de Informática do Milladoiro, dependente da Concellaría de Educación e Cultura, conta con máis de 1620 socios e socias na actualidade, dos cales 32 foron novas altas producidas ao longo do ano 2018. Asemade, un total de 1385 persoas empregaron dito servizo o pasado ano en horario de Aula Aberta, para realizar xestións persoais e/ou practicar o aprendido nalgún dos once cursos e obradoiros organizados pola propia aula. Ditas formacións contaron coa asistencia de 92 persoas. Asemade, nos catro meses transcorridos dende o comezo de 2019, máis dunha trintena de persoas participaron nalgunha das formacións organizadas na aula, entre elas o curso de iniciación en Internet destinado aos membros de JUPEMI, finalizado nos últimos días.

Dende a posta en marcha da Aula de Informática do Milladoiro, realizada no ano 2003, un total de 44.544 usuarios e usuarias fixeron uso do servizo de Aula Aberta, que está contemplado para que calquera persoa empadroada no Concello de Ames poida facer uso da aula. Deles, 1.385 persoas empregaron este servizo durante o exercicio 2018, no que os meses de marzo, xaneiro e abril presentaron maior demanda.

O horario de acceso da Aula Aberta é de 16.00 a 20.00 horas de luns a xoves, mentres que os venres, o servizo préstase só de mañá, entre as 09.30 e as 13.30 horas. Para converterse en usuaria/o, o cidadán debe cubrir unha ficha cos seus datos persoais, tralo que se lle facilita un número identificador e explícanselle as normas de funcionamento. O obxectivo deste servizo é facilitar que os e as amesás que non contan cun equipo informático ou con rede, ou que non poden acceder á rede por calquera motivo, poidan realizar diferentes tarefas como traballos persoais, consultar o correo, ler o xornal, xogar, buscar información dende as instalacións municipais.

No tocante aos socios, na actualidade a aula de informática do Milladoiro conta cun total de 1.621 socios e socias, dos que 32 foron incorporacións realizadas durante o ano 2018. De novo, marzo foi o mes no que se contabilizou un maior número de altas, acadando as 11 solicitudes.

Por outra banda, a aula tamén organiza unha ampla variedade de cursos e obradoiros dirixidos a sectores concretos da poboación, os cales se establecen en función da idade ou do tema. Asemade, a súa duración varía segundo a temática da que traten, oscilando das 7 horas e media ás 3 horas. As actividades para persoas adultas sempre se fan en dúas quendas a elixir, ou ben pola mañá ou pola tarde. As actividades para crianzas desenvólvense en horario de tarde, após o final da xornada escolar. Ademais, estes cursos organízanse de xeito trimestral, salvo en agosto e setembro, meses nos que só se ofrece o servizo de Aula Aberta.

Así, no primeiro trimestre de 2018 ofreceuse un obradoiro sobre a creación dunha conta de correo electrónico, un taller para a procura de emprego na rede e unhas xornadas de iniciación a internet. Entre abril e xullo impartiuse un curso de mecanografía dirixido a nenos e nenas de 9 a 12 anos e outro destinado a rapazas/es de 13 a 18 anos, ademais dun curso sobre o procesador de textos e un obradoiro sobre como realizar compras en liña de xeito seguro.

Ademais, entre os meses de xaneiro e xullo a aula acolleu un obradoiro de alfabetización dixital para a Escola Integral de maiores do Milladoiro. Por outra banda, durante o último trimestre do ano, ofreceuse un novo curso sobre como crear, configurar e usar unha conta de correo electrónico; ademais dun obradoiro de alfabetización dixital dirixida a maiores de 16 anos, e un taller para nenos e nenas de 9 a 12 anos sobre a elaboración de presentacións en Impress mediante un conto de Nadal. Así, no 2018 a Aula de Informática do Milladoiro organizou un total de 11 ofertas formativas, que contaron coa participación dun total de 92 persoas.

Ampla oferta formativa para 2019
Durante os catro primeiros meses deste ano, a Aula de Informática organizou unha ampla variedade de cursos e obradoiros destinados a todas as idades. Así, a programación do primeiro trimestre botou a andar cunhas xornadas de iniciación a internet, nas que participaron 9 persoas. En febreiro foi a quenda dos sete cativos/as de 9 a 12 anos anotados no curso sobre o procesador de textos Writer.

Nos mes de abril, pola súa banda, un total de 18 membros de JUPEMI participaron nunha nova edición do curso de iniciación a Internet. Dita formación rematou durante a primeira semana de maio. Asemade, realizouse un obradoiro sobre a elaboración de documentos mediante o procesador Writer, nesta ocasión destinada a adultos. Os vindeiros meses tense previsto realizar tres novos cursos: unhas xornadas de internet nivel medio, un curso de mecanografía para nenos e nenas de 9 a 12 anos, e o mesmo curso para mozas e mozos de 13 a 18 anos.

Máis de 1350 usuarios/as utilizaron a Aula de Informática de Ames durante o 2018