- Tematica
Este domingo, 20 de outubro, celebrarase, a partir das 10.30 da mañá, a vixésima edición da Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames. Este ano vólvese a repetir a tendencia de superar os 1.400 participantes, con 484 persoas inscritas para a carreira absoluta e 921 para as escolares. Esta proba pertence ao VII Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña e conta cun circuíto de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo.
O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan para este domingo, a XX Carreira Pedestre do Concello de Ames. O circuíto da proba absoluta está debidamente homologado na distancia de dez quilómetros pola Real Federación Española de Atletismo. Un obxectivo que se acadou hai 3 anos coa coincidencia da proba do Campionato Galego de 10 quilómetros.
A organización da carreira conta coa colaboración do clubs de atletismo do concello (Millaraio, Sar e Ames Atletismo). Ademais tamén participan o club ciclista Os Esfola Arrós e a agrupación Protección Civil de Ames.
Os dorsais retiraranse na secretaría da organización, situada na Casa do Concello, o día anterior á carreira (sábado, 19 de outubro) en horario das 17:00 ás 20:00 horas ou o mesmo día da carreira, ata media hora antes da proba correspondente. Para non gardar colas recoméndase recoller o dorsal o día anterior no lugar establecido. Os participantes deberán ademais colocarse na zona de saída 10 minutos antes do comezo de cada proba. Preme aquí para descargar o regulamento da vixésima edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames.
Participantes e premios
Este ano inscribíronse un total de 1.405 participantes, seguindo a tendencia destes últimos anos. Deles, 921 son rapaces e rapazas, das categorías pitufo (feminino e masculino), prebenxamín (feminino e masculino), sub 10 (feminino e masculino), sub 12, sub 14 e sub 16. Mentres que para a carreira absoluta hai inscritas 484 persoas, pertencentes ás categorías sub 18, sub 20, sub 23, sénior, máster 1, máster 2, máster 3, e máster 4.
Os galardoados serán os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculinos e femininos, e os tres primeiros absolutos masculino e feminino. Este ano, por segunda vez na historia da carreira, tamén recibirán trofeo os tres primeiros clubs da carreira absoluta. Por último, ao igual que nos últimos anos, os máis pequenos recibirán unha medalla como recoñecemento ao esforzo realizado.
Horarios e distancias
A saída e a chegada de cada proba farase na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns, tal como se ven facendo dende fai anos dende que se decidiu trasladar a proba dende o entorno do Pazo da Peregrina ao centro do núcleo urbano para facer así máis partícipe do evento á veciñanza amesá. Os corredores da proba absoluta e da categoría sub 18 tomarán a saída ás 10.30 horas dende esa rúa. Terán que dar unha volta ao circuíto da proba absoluta completando unha distancia de 5,25 quilómetros.
Posteriormente, ás 12.00 horas, está previsto que comecen as probas da categoría pitufo, integrada por nenos e nenas nados no ano 2015 e posteriormente. Os pequenos correrán unha distancia de 200 metros, aos que lle seguirán os 350 metros dos grupos prebenxamíns, 1.000 metros para as categorías sub 10 e sub 12, e 2.000 metros para as sub 14 e sub 16.
Cortes e prohibicións de tráfico
Debido á celebración do evento, estará prohibido estacionar na rúa Alcalde Lorenzo durante o domingo 20 de outubro, dende as 8:00 ata as 15:00 horas. Ademais, tamén haberá cortes de tráfico nese mesmo horario nas seguintes rúas, aldeas e lugares por onde transcorre a citada carreira: rúa Alcalde Lorenzo, A Candomiña (estrada DP-0205 ata rotonda do Agro do Muíño, quedando afectadas todas as vías de acceso a ese tramo), Agro do Muíño, Sisalde, rúa Entrerríos, rúa Agrelo, rúa Xunqueira, A Condomiña e As Punxeiras. Polo tanto, recoméndase evitar as mencionadas rúas e acceder pola AG-56 ou AC-300 (Os Ánxeles-Picaraña) cara Padrón. Preme aquí para ver o aviso de cortes de tráfico pola celebración da XX Carreira Pedestre.
Novas relacionadas:
Compostela 24 horas: "Máis de 1.400 inscritos na XX Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames"