Pestanas principais

Máis de 180 persoas participan este curso nas actividades da OVA

Luns, 31 de outubro de 2016

[31-10-2016] Case todas as actividades postas en marcha pola Oficina de Voluntariado de Ames comezaron este mes de outubro. Unicamente o obradoiro de ganchillo está pendente de confirmar os seus horarios. De momento oito cursos puxéronse xa a andar, grazas á colaboración de 12 mestras e mestres voluntarios que poñen os seus coñecementos ao servizo do alumnado. A Escola Integral de Maiores, o Club de Lectura para Maiores, as clases de iniciación ao inglés, as aulas de Español para Estranxeiros, os cursos de costura e patronaxe, o Seminario de Amigos da Viticultura e as aulas de Relaxación a través da Pintura comezaron estas semanas e continuarán até o mes de xuño, no que se celebra a fin de curso.


As Escolas Integrais encheron practicamente todas as súas prazas. Antonio Rodríguez e Antonia Figueiras, os dous mestres voluntarios, dan clase por agora a 56 alumnos e alumnas. Persoas maiores de 65 anos que non puideron asistir á escola ou que tiveron que deixala sendo novas. Nelas repásanse matemáticas básicas, comprensión lectora, escrita ou algo de música e literatura. No Milladoiro aínda quedan catro prazas dispoñibles para quen queira asistir ás leccións. De todos os xeitos o coordinador da OVA, Rubén Ramos, asegura que é “moi raro que as persoas que queiran participar destas actividades queden sen praza”. En caso de que se queiran matricular moitas persoas máis nalgún momento do curso “pódese estudar contar con outro voluntario e montar unha aula a maiores”. As clases teñen lugar os mércores e venres no Milladoiro, de 16:30 a 18:30 horas, e os martes e xoves en Bertamiráns á mesma hora.

Da man do mestre Antonio Rodríguez naceu, ademais, o Club de Lectura para Maiores do Milladoiro. Nel participan o alumnado ao completo da Escola Integral de Maiores do Milladoiro, ademais dalgunha persoa que non pertence á escola. As lecturas adáptanse ás necesidades das alumnas e alumnos da mesma, escollidas polo propio Antonio. As reunións do club teñen lugar todos os martes de 16:30 a 17:30 horas.

O obradoiro “Achégate ao Inglés I e II” para maiores, que se imparte en Bertamiráns, tamén comezou a súa andaina, con 24 participantes en total. En cada grupo, o 1 e o 2, participan 12. Estas aulas foron pensadas para persoas que nunca se achegaron ao inglés ou para aquelas, no caso do segundo grupo, que teñen “coñecementos moi básicos”. Están impartidas pola mestra voluntaria Merlita Álvarez, quen introduce á clase a este idioma a través de exercicios prácticos e sinxelos.

O Seminario de Amigos da Viticultura demostrou, un ano máis, ser unha das actividades máis populares das organizadas para a OVA. Aos poucos días de abrirse a inscrición neste obradoiro as prazas estaban cubertas. O grupo de participantes xa comezou a reunirse cada luns ás 19:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro, aprendendo de viños, de uvas e viñedos da man de Emilio Vicente de Nogueira e Teodoro García. Cada mes as persoas deste curso realizan, ademais, unha cata de caldos galegos.

As mestras voluntarias Herminia Aguete e Braulia Hernández están a cargo, respectivamente, dos obradoiros de “Costura para principiantes” e de “Patronaxe, corte e confección”. Nas clases da primeira participan 13 persoas, mentres que ás da segunda asisten 14. Ambas mestras acumulan unha gran experiencia, e son á súa vez alumnas nalgúns dos obradoiros da OVA. As aulas impártense na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Pola súa banda Mercedes Bellet e Matilde González imparten as clases de Español para Estranxeiros. Aulas que o Concello de Ames ofrece como apoio, a través da OVA, para todas aquelas persoas que escollen o municipio como lugar de residencia. Tanto nas clases do Milladoiro como nas de Bertamiráns se ofrecen 15 prazas, nas primeiras quedan 7 prazas libres e na segunda 12.Nas clases ambas mestras tratan de axustarse ao nivel de castelán das alumnas e alumnos, de idades e nacionalidades moi diferentes. De Marrocos, de Corea do Sur, de Estados Unidos...traballan dúas horas todas as semanas para achegarse á fala, escrita e lectura do idioma.

O Curso de Relaxación a través da Pintura espertou bastante interese entre a veciñanza este curso. As aulas teñen lugar en Bertamiráns, entre as 18:00 e as 20:00 horas. Dúas alumnas retomaron estas clases, nas que se traballa con exercicios de respiración, relaxación, pintura ao aire libre ou coloreado de mandalas.