- Tematica
O Concello de Ames e a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) organizan para este sábado, 18 de febreiro, un desfile de Entroido, que se celebrará no Milladoiro. Dito desfile partirá ás 17:00 horas da Casa da Cultura e percorrerá diversas rúas ata finalizar na praza de Manuel Murguía. Ademais, contará con animación a cargo das Pompeiras e dos Dinos Bailongos. Poden formar parte del todas as persoas que o desexen, así como asociacións, comunidades, colexios... Os participantes entrarán nun concurso no que se repartirán 2.000 euros en premios. Na actualidade hai arredor de 200 persoas inscritas no desfile de Entroido, pero as persoas que desexen inscribirse o propio día do desfile poderán facelo, presencialmente, ata media hora antes de que dea comezo. O 90% das persoas inscritas son veciños e veciñas de Ames. Premendo nesta ligazón pódense consultar as bases do concurso.
Unha das actividades estrela do Entroido de Ames 2023, o desfile de Entroido, celebrarase este sábado, 18 de febreiro. As comparsas sairán da Casa da Cultura do Milladoiro, cara a travesía do Porto, e continuarán a súa ruta pola rúa Cereixos, a rúa Agro do Medio, a rúa Pardiñeiros, a rúa Anxeriz e a Rúa Raxoeira. O fin de festa terá lugar na praza de Manuel Murguía.
Nesta ocasión, tras dous anos sen poder celebrar esta festa por mor da pandemia, o Concello aposta por realizar un Entroido participativo, no que se impliquen diversas asociacións de veciños e culturais, as comunidades e as ANPAS. Deste xeito, no desfile poden participar todas as persoas que o desexen, soas ou en grupo. Ademais, contarase con animación a cargo das Pompeiras, que farán pompas de xabón para que os nenos/as poidan xogar con elas e encher as rúas de ledicia multicolor; e dos Dinos Bailongos, que levarán consigo un estandarte feito de globos, co que interactuarán co público.
Todos os inscritos/as no desfile pasarán a formar parte dun concurso de disfraces, no que haberá catro categorías e tres premios en cada categoría: individual infantil, individual adulto, grupos de 2 a 10 persoas e grupos de máis de 10 persoas. En total, repartiranse 2.000 euros en premios, que se dividirán da seguinte maneira:
- Individual infantil: 1º premio de 100 euros, 2º premio de 75 euros e 3º premio de 50 euros.
- Individual adulto: 1º premio de 100 euros, 2º premio de 75 euros e 3º premio de 50 euros.
- Grupos de 2 a 10: 1º premio de 300 euros, 2º premio de 200 euros, 3º premio de 100 euros.
- Grupos de máis de 10: 1º premio de 500 euros, 2º premio de 300 euros, 3º premio de 150 euros.
Premendo nesta ligazón pódense consultar as bases do concurso de Entroido.
Na actualidade hai 200 persoas (nas catro categorías) inscritas no desfile de Entroido. As persoas que desexen inscribirse o propio día do desfile poderán facelo, de xeito presencial, ata media hora antes de que dea comezo. Poden participar no concurso persoas e grupos de todas as idades. Non obstante, os menores deberán ser representados por un adulto que actuará como representante para todos os efectos que se deriven do concurso. Así mesmo, as asociacións serán representadas polo seu presidente/a.
O 90% das persoas inscritas son veciños e veciñas de Ames. Hai inscritas 8 carrozas nas categorías individual infantil, individual adulto e grupos de 2 a 10 persoas. Ademais, na categoría de grupos de máis de 10 persoas hai inscritas 4 comparsas (dúas do Milladoiro e unha de Bugallido).
O desfile pecharase coa entrega de premios que estará presentada por Raquel Pérez, xornalista da TVG e veciña do Milladoiro. A ambientación musical na praza de Manuel Murguía correrá a cargo dun DJ. Posteriormente, ás 19:00 horas, haberá unha actuación musical, de man de Brassica Rapa, unha brass band nacida a finais do ano 2017.
Programación de Entroido
Ademais do desfile, os departamentos de Cultura e Mocidade, con XEA, organizan numerosas actividades con motivo do Entroido. O propio sábado 18 de febreiro tamén se vai a organizar unha festa de Entroido con Djs e carpa climatizada dirixida á mocidade amesá. Comezará ás 22.00 horas e desenvolverase no aparcadoiro da rúa Alcalde Lorenzo, en Bertamiráns, que está situado detrás das oficinas da Policía Local e do servizo municipal de Urbanismo.
Por outra banda, o luns 20 de febreiro, a partir das 17.00 horas, celebrase unha gran festa de Entroido na praza de Chavián, en Bertamiráns. Haberá unha carpa instalada. A festa comezará coa animación de rúa a cargo da Charanga Os Celtas. Ademais haberá unha exhibición de baile a cargo de Danzaya, representarase o espectáculo Entroido co Señor Patajullo e a Banda Barabullo e actuará a coral do programa Amessan.
Por último, o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames participará hoxe, 17 de febreiro, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, no concerto - festival de Entroido da EMMA.