- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social e Igualdade, organizou este venres pola tarde a quinta edición da carreira da muller “Moitos camiños, mesma meta”, que se celebrou na área deportiva do Milladoiro. Trátase dunha cita deportiva lúdica e non competitiva, incluída dentro da programación conmemorativa do Día Internacional da Muller. O obxectivo da proba é reivindicar os distintos atrancos aos que se ven sometidas todas as mulleres no día a día, a través dos obstáculos que se instalaron no circuíto. Máis de 200 participantes tiveron que completar un percorrido de 600 metros e 9 obstáculos.
A quinta edición da carreira de obstáculos “Moitos camiños, mesma meta” desenvolveuse nun ambiente festivo e moi familiar. Foron máis de 200 as/os participantes que se achegaron á área deportiva do Milladoiro para participar nesta iniciativa, organizada pola Concellería de Benestar Social e Igualdade con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, que tivo lugar o pasado 8 de marzo.
Nesta proba participaron numerosas familias de Ames que superaron de forma conxunta os diferentes obstáculos instalados no circuíto. Tamén participaron varios/as concelleiros e concelleiras do goberno municipal e do grupo municipal do Partido Popular.
A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Uxía García, destacou que “trátase dunha iniciativa moi familiar coa que se pretende visibilizar os distintos atrancos aos que se ven sometidas todas as mulleres na súa vida diaria. Temos que seguir traballando na consecución dunha igualdade real entre homes e mulleres”.
600 metros e nove obstáculos de baixa dificultade
O percorrido tivo unha distancia de 600 metros e contou con diferentes obstáculos de baixa dificultade para superar. Deste xeito, houbo un inchable na zona de saída, zonas para reptar polo chan, rodas, equilibrios, tubos, etc. Ademais aproveitouse o parque infantil do parque verde central do Milladoiro para introducir novos obstáculos como un tobogán, zonas de equilibrio, etc.
Trala carreira, todos e todas as corredoras participaron nun sorteo de agasallos, organizado grazas á colaboración de Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), que colaborou nesta iniciativa con diversos premios. As/os participantes na carreira da muller foron agasalladas/os cunha camiseta e unha medalla.