[01-02-2019] Este domingo, 3 de febreiro, celebrarase a proba de resistencia en bicicleta de montaña organizada polo Club Ciclista Os Esfola Arrós, en colaboración co Concello de Ames e a empresa Team Relay. Na proba participarán un total de 243 persoas, das que 78 están inscritas na proba por parellas, mentres que 165 realizarán a proba de forma individual. O percorrido, que sairá do parque do Pedregal de Bertamiráns, consistirá nun só recorrido duns sete quilómetros, cun desnivel positivo acumulado por volta de 90 metros. Haberá sete categorías, e un total de 14 subcategorías.
O Club Ciclista Os Esfola Arrós, en colaboración co Concello de Ames e a empresa Team Relay, organiza este domingo, 3 de febreiro, a proba de resistencia “BTT OEA – Concello de Ames 2019”. O itinerario consistirá nun circuíto semi-urbano duns sete quilómetros cun desnivel positivo acumulado por volta de 90 metros, e que tamén contará con zonas con obstáculos, tanto naturais como artificiais, co obxectivo de aumentar o compoñente lúdico da proba. A zona de meta estará situada no parque do Pedregal de Bertamiráns, nos arredores da praza da Maía.
Unha vez rematada a proba, que comezará ás 10.00h, outorgaranse un total de 55 premios entre os participantes que obteñan as mellores posicións en cada subcategoría. Así, na categoría individual, en cada subcategoría (feminina e masculina) galardoarase ás tres persoas que acaden os primeiros postos, agás na categoría xeral, onde os premios se repartirán entre os cinco participantes que acaden as posicións máis altas, con independencia da subcategoría. Dentro da categoría por parellas premiarase aos cinco grupos que queden en mellor posición en cada subcategoría.
Horarios e categorías
A entrega de dorsais entre os/as participantes comezará ás 8.30h, e ás 9.45 a organización configurará as grellas de saída. Así, os participantes da proba individual tomarán a saída ás 10.00 horas, mentres que ás 10.05h será a quenda da categoría por parellas. Ás 13.00h darase por rematada a proba individual e ás 13.05h a proba por parellas, polo que ás 12.55h producirase o peche de entrada ao circuíto. Ao final da proba terá lugar a entrega de premios entre as 3 ou 5 persoas, en función da subcategoría, que acadasen os mellores postos.
No tocante ás categorías, os participantes dividiranse segundo participen de xeito individual ou por parellas. Dentro da proba por parellas, os grupos desdobrarase en base a que os seus integrantes sexan masculinos, femininos ou grupos mixtos.
Por outra banda, a proba individual estará formada por cinco categorías en función da idade dos participantes. Así, os ciclistas nados entre o 2000 e o 2002 participarán na categoría xuvenil; entre 1990 e 1999 na sénior; de 1980 a 1989 en veteranos/as A; de 1970 a 1979 en veteranos/as B; de 1950 a 1969 en veteranos/as C. Tamén haberá unha sexta categoría xeral, na que se premiará ás ou aos cinco primeiros en chegar a meta, con independencia da súa categoría. Asemade, cada unha destas categorías estará subdividida en dous grupos: feminino e masculino. A proba está aberta á participación de calquera persoas cunha idade comprendida entre os 17 e os 69 anos.