Pestanas principais

Máis de 2.400 propostas recibidas para o Festival de Cinema Crianza que se desenvolverá en Ames do 15 ao 17 de decembro

Mércores, 15 de novembro de 2017

[15-11-2017] O pasado luns 30 de outubro pechouse o prazo de recepción de pezas audiovisuais que optan a participar no Cinema Crianza, o primeiro festival internacional de cine infantil de Galicia, que terá lugar no Concello de Ames do 15 ao 17 de decembro do 2017. A organización recibiu preto de 2.500 propostas procedentes de 118 países dos cinco continentes. As 56 pezas seleccionadas presentarán viaxes sorprendentes que esperten nas cativas e cativos a vontade de explorar a realidade.

Ao longo dos meses de setembro e outubro a organización do Cinema Crianza recibiu obras audiovisuais dende 118 países. O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “esta cifra afianza o carácter internacional do certame, que aspira a ampliar o acceso das crianzas a obras o máis diversas posibles, afastándose dos produtos homoxeneizados de grande consumo”.

Nesta liña, as obras que optan a ser proxectadas no Cinema Crianza proceden dos cinco continentes e de países tan diversos como India, Francia, Italia, Brasil, Exipto, Canadá, Estados Unidos, Australia e por suposto Galicia. Aínda que a decisión final das pezas seleccionadas aínda está por tomar, a variedade de nacionalidades asegura a pluralidade de puntos de vista, linguas e culturas representadas no certame e avala a súa vocación como mostra da diversidade no cinema infantil.

Recibíronse traballos de distintos xéneros de cinema: curtas, filmes, videoclips, animación e documentais. Todas elas teñen unha temática común: as viaxes (físicas ou emocionais) e a súa condición transformadora nas persoas e a súa contorna. As 56 pezas seleccionadas presentarán viaxes sorprendentes que esperten nas cativas e cativos a vontade de explorar a realidade.

Do 15 ao 17 de decembro en Bertamiráns e no Milladoiro
O festival presentará dúas seccións competitivas de curtametraxes, destinadas a franxas de idade diferentes, ademais de longametraxes fóra de concurso. O maior número de propostas recibiuse para a sección competitiva “Buxainas”, curtametraxes dirixidas a un público de 3 a 7 anos e de duración non superior aos 25 minutos. Seguida da categoría “Axóuxeres”, tamén competitiva, que abrangue pezas creadas para nenos de 0 a 3 anos, dun máximo de 10 minutos de duración.

O Festival Internacional Cinema Crianza, que se celebrará nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns do 15 ao 17 de decembro, está especializado en cine infantil e xuvenil. Esta iniciativa está promovida por Urdime Propostas Culturais, e conta co apoio e financiamento do Concello de Ames e da Deputación da Coruña. Nas próximas semanas farase pública a selección de audiovisuais que se proxectarán durante o Cinema Crianza, a través das redes sociais do certame e ca publicación do programa definitivo do evento na páxina web.

Contido relacionado


Lindeiros: "Cinema Crianza recibe máis de 2400 propostas"