Pestanas principais

Máis de 25 actividades de Nadal programadas para esta fin de semana no Concello de Ames

Xoves, 26 de decembro de 2019

Dende hoxe ata o domingo 29 de decembro o Concello de Ames ten programadas 25 actividades para todos os públicos para que a veciñanza siga desfrutando das festas de Nadal. Obras teatrais, musicais, diferentes actividades deportivas, fotomatóns co carteiro real, inchables, múltiples obradoiros e un festival, son algunhas das moitas actividades programadas para estes días.

No día de hoxe a programación seguirá desenvolvéndose con diversas actividades. Dúas delas, organizadas polo departamento de Mocidade, desenvolveranse na Praza de Manuel Murguía esta tarde: un parkourpark móbil dende ás 16.30 horas e unha masterclass de zumba fitness destinada a todos os públicos a partir das 17.30 horas.  Para os máis pequenos da casa, hai programado un teatro musical con Lydia Botana ás 18.00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Ademais, haberá instalada pola tarde unha carpa multimedia para todos os públicos na Casa da Cultura de Bertamiráns. Asemade, estase desenvolvendo o III Torneo de Nadal de Baloncesto do Concello de Ames, que continuará mañá durante todo o día.  

Xa mañá, venres 27, ás 17.00 horas, terá lugar o Festival de Nadal Amessan na carpa da Praza de Manuel Murguía no Milladoiro. Destinado a un público adulto, haberá unha degustación de pratos de Nadal elaborados nos obradoiros de cociña, ademais de exhibicións das escolas Amessan e moita música.

Por outra banda, para os máis pequenos da casa, “Baila Roque Baila” de Baobab Teatro representarase ás 18.00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Destinada a un público infantil de máis de un ano, as entradas xa encontran dispoñibles na billeteira electrónica do Concello.

Ademais, o carteiro real visitará mañá Ames para que todo aquel que así o desexe poida facerse unha foto con el e entregarlle a carta para os Reis Magos. Estará na carpa da Praza de Manuel Murguía do Milladoiro, das 12.00 ás 14.00 horas e das 17.30 ás 19.30 horas. O fotomatón será gratuíto presentando un tícket de compra de calquera establecemento do Concello de Ames. Pero non será a única visita do carteiro real ao concello, xa que estará tamén o sábado 28 no mesmo horario na carpa da Praza de Chavián en Bertamiráns.

O sábado 28 está programada a primeira Carreira-Andaina dos Inocentes do Concello de Ames. Destinada a todos os públicos, será ás 18.30 horas na Praza de Chavián, en Bertamiráns e pode realizarse a inscrición premendo nesta ligazón. Xa ás 20.30 producirase un encontro de agrupacións corais do Concello de Ames na Casa da Cultura de Bertamiráns, con entrada de balde ata completar aforo.

Xa por último, o domingo 29, volverá a instalarse a partir das 16.30 horas o parkourpark móbil, para todos aqueles que non puideran asistir no día de hoxe. Desta vez estará na Praza de Chavián, en Bertamiráns, onde tamén se desenvolverá outra masterclass de zumba fitness.

Obradoiros con temática de Nadal e inchables
Ademais están programados máis de 12 obradoiros con temática de Nadal que se desenvolverán no Milladoiro e Bertamiráns: obradoiros de galletas de Nadal, de decoración de candeas, de maxia e ilusionismo, xabóns artesanais, de decorar a árbore, de empaquetar agasallos, de cupcakes ou un showcooking de turrón de chocolate.

Para os amantes da informática e a multimedia, hai tamén programada unha carpa multimedia na Aula de Multiactividades da casa da Cultura de Bertamiráns, destinada a todos os públicos.

E xa por último, cabe mencionar que haberá inchables para os máis pequenos o domingo 29, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro.

No caso de inscribirse nalgunha actividade, é necesario escribir nos correos electrónicos o nome e apelidos dos participantes, idade e telefono de contacto. Para máis información sobre horarios, lugares e inscricións, consulta a programación completa anexada a esta nova.

programacion de Nadal
Descargas: 

Multimedia

  • programación de Nadal
  • programación de Nadal
  • programación de Nadal
  • programación de Nadal