Pestanas principais

Máis de 300 ciclistas participarán este domingo en Ames na segunda proba da Transgalaica 2024

Venres, 08 de marzo de 2024

O Club de ciclismo Os Esfola Arrós e o Concello de Ames organizan, un ano máis, unha das probas do circuíto Transgalaica en territorio amesán. Esta é a oitava proba do circuíto Transgalaica que se organiza en Ames. Así, este domingo 10 de marzo o concello acollerá a segunda proba do circuíto Transgalaica 2024, que partirá do Pazo da Peregrina ás 9.30h e percorrerá distintos puntos da xeografía amesá. Na proba participarán un total de 321 ciclistas. Premendo neste enlace poderás obter o aviso municipal dos cortes e da prohibición de estacionamento na avenida José Luis Azcárraga con motivo da proba.

Un ano máis, o circuíto de bicicleta de montaña Transgalaica pasa por Ames, na que é xa a oitava cita consecutiva no concello, sen contar o parón de 2021 por mor da situación epidemiolóxica provocada pola Covid. A proba, que se celebrará este domingo 10 de marzo, é a segunda das cinco que conforman o calendario da Transgalaica 2024. A primeira etapa celebrouse o pasado 25 de febreiro en Cerdedo-Cotobade.

Os 321 ciclistas inscritos na proba terán que dar dúas voltas a un circuíto de 32 quilómetros completando un percorrido de 64,55 quilómetros e que conta cun desnivel de 1.501 metros. Por motivos loxísticos e de seguridade, establécese un control de paso no quilómetro 33 da proba. Os/as participantes que non pasen por el antes de 2 horas e 18 minutos deberán retirarse clasificando co tempo marcado nese punto.

A proba comezará ás 9:30 horas diante do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para pasar despois por Aldea Nova, Ventosa, Pedra Dourada, o monte de San Marcos, o alto de Liñaredo e as instalacións en Piñeiro do Real Aeroclub de Santiago. Desde aí volverase ata Bertamiráns por Muíños de Riamonte, Lamas e Augapesada. Estímase que os primeiros ciclistas completen a primeira volta sobre as 10:45 e a segunda sobre as 12:00 horas. Antes, desde as 8:00 horas, comezará a entrega de dorsais na propia zona do Pazo. Pola súa banda, a entrega de premios terá lugar a partir das 14:00 horas.

Percorrido
Este ano a primeira volta e a segunda serán similares ás da edición de 2023. Durante a segunda volta, hai que ter en conta que haberá unha subida a Aldea Nova nos últimos 7 quilómetros da proba para rematar por unha baixada aberta. Desde o club ciclista Os Esfola Arrós recomendan facer un recoñecemento da segunda volta (o track oficial da Transgalaica de Ames 2024 está en wikiloc) e logo o día da proba levar o track completo (volta 1 e 2), aínda que o percorrido estará completamente sinalizado.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destaca “o éxito que ten sempre esta proba da Transgalaica organizada no concello de Ames. Sempre soe haber unha gran participación nesta proba. As máis de 300 inscricións demostran que a proba ten unha gran aceptación, e nós estamos sempre encantados de apoiar a todos os clubs de Ames nas actividades que organizan”.

Restricións de tráfico previstas esta fin de semana
Por mor do desenvolvemento da proba, durante esta fin de semana a avenida José Luis Azcárraga, onde está situado o Pazo da Peregrina, sufrirá varias restricións ao tráfico por ser o punto de saída e meta. Por unha banda, desde o sábado 9 ás 23:00 ata o domingo ás 15:00 horas non se poderá estacionar na avenida José Luis Azcárraga. Ademais, dita avenida estará pechada ao tráfico ata a aldea de Capeáns o domingo 10 de marzo desde as 7:30 ata as 15.00 horas. Preme nesta ligazón para consultar o aviso informativo.

Recoméndase evitar as vías mencionadas e utilizar un desvío alternativo desde Covas cara Bertamiráns pola DP-0203 (Augapesada-Bertamiráns), AC-453 (Roxos– Portomouro) e AC-543 (Santiago–Bertamiráns).

Participación, orde de saída e clasificacións
Poderán participar na proba todos os corredores e corredoras con licenza de ciclismo en vigor para a tempada 2024, ou ben aquelas persoas que tramiten unha licenza de 1 día.

As categorías nas que se pode participar son a masculina absoluta (S23, elite, M30, M40, M50, M60), feminina absoluta (S23, elite e máster), Transgalaica do Futuro (Junior federados masculina e femenina) e open (cicloturistas e ciclistas con licencia de 1 día).

A orde de saída estará determinada nos seus 100 primeiros postos polas 100 primeiras posicións da clasificación xeral absoluta da Transgalaica. A organización resérvase ademais 10 dorsais de libre designación. O resto de ciclistas colocarase por orde de inscrición. Estableceranse as clasificacións individuais masculina, feminina e clasificación por equipos. Para a clasificación xeral individual puntuarán as 75 primeiras persoas da clasificacións absoluta de cada proba. A maiores, establecerase unha clasificación por categorías para a que puntuarán os 25 primeiros de cada categoría.

Ademais destas puntuacións, haberá trofeos para os tres primeiros de cada sub-categoría, tanto masculina ( S23, elite, M30, M40, M50/60), como feminina (elite-sub23 e máster). Para consultar a guía do ciclista da segunda proba da Transgalaica 2024 pódese premer nesta ligazón.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Más de trescientos deportistas tomarán la salida en Bertamiráns en la Transgalaica"

Máis de 300 ciclistas participarán este domingo en Ames na segunda proba da Transgalaica 2024

Multimedia

  • Máis de 300 ciclistas participarán este domingo en Ames na segunda proba da Transgalaica 2024