Pestanas principais

Máis de 300 persoas asistiron ao Acto Institucional do Día Internacional contra a violencia machista

Venres, 26 de novembro de 2021

A praza do Concello ateigada e moitas persoas vestindo as camisetas conmemorativas do día. O Acto Institucional do "Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller", celebrado onte ás 18:30 na praza do Concello, foi seguido masivamente pola veciñanza de Ames. O alcalde,  Blas García, a concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo e representantes de todos os grupos políticos da Corporación Municipal leron o Manifesto que previamente fora acordado por todos os grupos con representación na corporación municipal. No acto soaron cancións reivindicativas das loitas a prol da eliminación da violencia machista interpretadas polo alumnado da EMMA e pola Plataforma Feminista de Ames. Ademais, ao tempo que cantaba o coro da PFG Ames, 37 mulleres foron ocupando os chanzos das escaleiras da Casa do Concello con cartóns negros nos que rezaban os nomes de todas as vítimas de violencia deste ano e remataron colocando un gran lazo negro como símbolo de dó polas asasinadas.  Denantes do comezo do acto, persoal da concellaría de Igualdade repartiu cadernos, alfombriñas para o rato do ordenador, paraugas e camisetas conmemorativas. 

“NIN SERVIL, NIN CALADA, LIBRE” é o lema sobre o que este ano se artellaron todas as actividades postas en marcha para conmemorar o "Día Internacional de eliminación da violencia contra a muller". No Manifesto Institucional, que asinaron todos os grupos con presenza na corporación municipal, e que leron na praza do Concello o alcalde, Blas García, a concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo e os representantes dos grupos políticos con presenza no Concello: Gemma Otero de Contigo Podemos, Oliva Agra do PP, Escarlata Pampín do BNG, Quique Costas de Ames Novo e Xosé Ramón Oulego de Ciudadanos, púñase de manifesto a necesidade de “seguir saíndo á rúa para reivindicar unha España máis segura e máis xusta para as mulleres”, e lembrábase que “segue habendo fendas que superar, acordos que defender e dereitos que asegurar para que ningunha muller sexa vítima de violencia de xénero”.

Manifesto 
No manifesto amosouse asemade a “dor por tantas mulleres que seguen a sufrir violencia” e a necesidade de “ mudar o pensamento patriarcal que aínda impera en gran parte da nosa sociedade”. Lembráronse tamén as cifras que por si soas falan deste gravísimo problema social “Desde 2003 foron asasinadas en España 1.117 mulleres e 44 nenas e nenos, 327 menores orfos. Dende 2019 interpuxéronse 1.743.680 denuncias por violencia de xénero e 452.095 ordes de protección. Só neste ano son 37 as asasinadas, 1 delas en Galicia”. “Non podemos resignarnos a que se asuma como normalidade a traxedia cotiá da violencia machista” e “Sumamos a nosa palabra á de millóns de mulleres e homes que en todo o planeta din basta xa!” foron outras das cuestións que incluía o manifesto.

Cancións emblemáticas contra a violencia machista
Após da lectura do manifesto, a Escola Municipal de Música e a Plataforma Feminista de Ames interpretaron dúas cancións que forman parte do abano de temas que múltiples autores e autoras compuxeron nos últimos anos para suliñar a necesidade de loitar contra a violencia machista, ao tempo que abren unha porta de esperanza á solución do problema.

Unha representación do alumnado e do profesorado da EMMA, dirixido pola directora da Escola e profesora de canto, Pilar Martínez, interpretou unha versión en galego do tema de Rozalén “A porta violeta”, en cuxa preparación participaron o resto de profesores e profesoras da Escola. Ao mesmo tempo, Charo Ferreira, compoñente do coro Sonelas, e Almudena Alonso traducían a letra da canción a linguaxe de signos.

Despois, Pilar Candocia, da Plataforma Feminista de Ames, deu paso a interpretación que un grupo desta formación faría do tema “Sen medo” da mexicana Vivir Quintana. Pilar gabou o feito de que o manifesto “a pesares de que probablemente cada un dos grupos diferira dalgún dos aspectos recollidos foron capaz de asinar conxuntamente”, celebrando “a resposta masiva que a veciñanza amesá deu ao acto” e lembrando a necesidade de seguir loitando “todos os días e en todos os ámbitos” a prol da erradicación da violencia machista. Inés Suárez, que dirixiu os ensaios do coro, acompañou coa guitarra ao coro da da PFG de Ames. Ao tempo, 37 mulleres foron ocupando os chanzos das escaleiras da Casa do Concello amosando cartóns negros nos que nunha cara líanse os nomes das mulleres asasinadas este ano e na outra a palabra “asasinada”. A performance rematou erguendo un gran lazo negro como símbolo da dó polos feminicidios.

Programa elaborado conxuntamente por varias concellarías
O programa de actividades que se desenvolveron este ano co gallo do "Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller" foi organizado polas concellarías de Igualdade, Cultura, Mocidade e Turismo. Até o de agora e desde o día 17 de novembro proxectáronse os documentais “Nación” e “Silenciadas”, púxose en escena a obra de teatro “Golpes”, realizouse unha andaina “contra o machismo” polo monte Viso e, baixo o título de “Esto es amor? fixéronse varias sesións de teatro-forum orientadas a que tanto os adultos como a rapazada dos institutos reflexionasen sobre as condutas machistas presentes na nosa sociedade.

Vindeiros actos
Hoxe, o grupo de Teatro so Quinquilláns porá en escena na Casa da Cultura do Milladoiro a obra “A pluma de Rosalía”e o día 3 de decembro terá lugar unha nova sesión de videoforum que nesta ocasión leva o título de “En débeda con todas”. O día 4 do mesmo mes desenvolveranse na Casa de Cultura de Bertamiráns as tradicionais xornadas “Acércate” que este ano contan como convidada coa escritora e debuxante Lola Vendetta que baixo o título de “Más vale Lola que mal acompañada” ofrecerá unha charla e un taller de ilustración.

Premendo nesta ligazón podes ver unha ampla galería de fotos do acto do 25N en Ames.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Concentracións sen data contra a violencia sexista"

AMSGO!: "Gran apoio da veciñanza ao acto do 25N en Ames"

Acto 25 N 2021

Multimedia

  • Máis de 300 persoas asistiron ao Acto Institucional do Día Internacional contra a violencia machista
  • Acto 25 N 2021
  • Acto 25 N 2021
  • Acto 25 N 2021
  • Acto 25 N 2021
  • Acto 25 N 2021
  • Embedded thumbnail for
  • Embedded thumbnail for
  • Embedded thumbnail for
  • Embedded thumbnail for