Pestanas principais

Máis de 400 rapaces e rapazas participaron este verán nos campamentos municipais do Concello de Ames

Martes, 10 de setembro de 2019

O Concello de Ames organiza para todos os veráns un programa de campamentos municipais. Este ano estas actividades comezaron o pasado 25 de xuño e realizáronse ata o día 2 de setembro. En total, dito programa incluíu a realización de 9 campamentos diferentes ao do longo do verán. Sete destes campamentos foron organizados pola Aula da Natureza e dous pola OMIX. Coa súa organización, búscase ofrecer unha oferta formativa de desenvolvemento persoal concibida para, de xeito progresivo, dotar ás crianzas e ás mozas e mozos das ferramentas precisas para lograr a autonomía e a independencia, ao tempo que se promove a cooperación e o respecto, ademais dun estilo de vida saudable ligado ao medio natural, ao deporte e á cultura. Nestes nove campamentos participaron uns 431 rapazas e rapaces.

Cada campamento, dos 9 que o Concello de Ames organizou para xuño, xullo e comezos de setembro, tivo as súas propias características; porén todos compartiron o obxectivo de ofrecer ás rapazas e rapaces amesáns unha alternativa de lecer e educativa durante o verán. Sobresae, asemade, o compoñente ambiental común a todos eles.

Os primeiros en realizarse foron os das Fervenzas do Toxa, que se desenvolveron do 25 ao 27 de xuño. Os días 25 e 26 de xuño acudiron a este campamento 12 nenos e nenas de 4 e 5 de infantil, mentres que do 25 ao 27 de xuño participaron neste mesmo campamento 22 rapaces e rapazas de 6º de infantil.

Os seguintes campamentos que se desenvolveron foron os de Mar de Arousa, o Galipark multiaventura e o das Fragas do Eume. Deste xeito, do 2 ao 5 de xullo, 98 rapaces e rapazas de 3º e 4º de educación primaria participaron no campamento de multiaventura Galipark, onde tiveron actividades como escalada e tirolina, kayak, cars ou xogos cooperativos, entre moitos outros.

Ademais, do 1 ao 6 de xullo, 49 rapaces e rapazas de 5º de primaria participaron no campamento das Fragas do Eume, onde participaron en xogos de orientación, escalada, raid, sendeirismo e outras actividades acuáticas. Nestas mesmas datas, do 1 ao 6 de xullo, 65 rapaces e rapazas acudiron ao campamento Mar de Arousa, dirixido a rapaces/as de 6º de primaria, que puideron practicar snorkel, bodyboard, xincanas na praia e moitas outras actividades.

Por outra banda, a finais do mes de xullo, do 29 ao 31 de xullo, 43 rapaces e rapazas acudiron á Granxa-Escola Barreiros, onde realizaron traballos de granxa e horta, teares, actividades sobre astronomía, e moitos xogos populares e grandes veladas. Ademais, durante o mes de xullo desenvolveuse o campamento urbano da Aula da Natureza no que participaron 30 nenos/as de 6 a 14 anos. Este campamento realizouse entre os días 8 e 20 deste mes, de luns a venres, en horario de 16:00h a 20:00 horas.

Campamentos xuvenís
Durante o mes de xullo tamén se realizaron dous campamentos dirixidos a mozas e mozos de educación secundaria e bacharelato. Desta maneira, entre o 14 e o 20 de xullo, 48 rapazas e rapaces de 1º a 3º de ESO participaron no campamento xuvenil Diverlanhoso de Portugal. Durante os primeiros días de convivencia en Diverlanhoso, as mozas e mozos aproveitaron a estancia para facer actividades como quick jump, camiñata acuática, salto de péndulo, tiro con arco, cerbatana ou piscina. Ademais, durante os últimos días de campamento gozaron doutros moitos pasatempos, como os pontes colgantes, tirolina, canoa, rafting, paintball e actividades acuáticas.

Case nas mesmas datas, entre o 15 e o 20 de xullo, o alumnado de 4º da ESO a 2º de bacharelato tivo a oportunidade de asistir á saída Aventura por Asturias. Neste campamento participaron 30 mozos e mozas, que visitaron a praia das catedrais, fixeron o tradicional descenso do Sella (17 km) e deron un paseo por Arriondas. Tamén visitaron o MUMI (museo da minería) e practicaron barranquismo no descenso do barranco do Rubo. Por último, fixeron espeleoloxía na Cova de Pando, sendeirismo polos Lagos de Covadonga e unha actividade de 4x4.

Campamento no mes de setembro
O último campamento do verán desenvolveuse entre o 28 de agosto e o 2 de setembro, na Granxa Escola Kirico. Nel participaron 34 rapaces e rapazas entre os 6 e os 14 anos. Durante a súa estadía participaron en actividades de granxa baseadas no contacto directo cos animais da granxa; actividades de bosque (xogos de educación ambiental, obradoiros de reciclaxe ou con elementos do bosque, etc); así como actividades complementarias (actividades de carácter lúdico, dinámicas de colaboración, veladas de animación: xogos nocturnos e festas, xincanas, piscina e xogos acuáticos).

Ligazóns:

La Voz de Galicia: "Los campamentos del Concello de Ames congregaron a más de 400 escolares"

Compostela 24 horas: "Máis de 400 rapaces participaron nos campamentos de verán de Ames"

Máis de 400 rapaces e rapazas participaron este verán nos campamentos municipais

Multimedia

  • Máis de 400 rapaces e rapazas participaron este verán nos campamentos municipais
  • Máis de 400 rapaces e rapazas participaron este verán nos campamentos municipais
  • Máis de 400 rapaces e rapazas participaron este verán nos campamentos municipais
  • Máis de 400 rapaces e rapazas participaron este verán nos campamentos municipais
  • Máis de 400 rapaces e rapazas participaron este verán nos campamentos municipais
  • Máis de 400 rapaces e rapazas participaron este verán nos campamentos municipais
  • Máis de 400 rapaces e rapazas participaron este verán nos campamentos municipais