Pestanas principais

Máis de 4.000 persoas participaron na décimo cuarta edición do Festival de Maxia de Ames

Luns, 28 de outubro de 2019

Este domingo deuse por clausurada a décimo cuarta edición do Festival de Maxia de Ames, que se desenvolveu dende o luns 21 ao domingo 27 de outubro. O festival, organizado polo Concello de Ames en colaboración coa Deputación da Coruña e Abarajar Producciones, contou con arredor de 1.000 asistentes aos espectáculos máxicos que se desenvolveron durante a fin de semana, nos que houbo obradoiros, o espectáculo “Momentos Máxicos co Mago Rafa” e catro sesións da Gala Máxica Internacional.

A décimo cuarta edición do Festival de Maxia de Ames volve a ter éxito de participación. En total, máis de 4.000 persoas asistiron aos diferentes eventos que estaban programados para este ano. Deles, arredor de 1.000 corresponden ao público que desfrutou dos espectáculos que se desenvolveron nos auditorios do Concello.

Durante a semana, máis de 3.000 alumnos  achegáronse ao mundo da maxia nos respectivos centros de ensino de Ames. Así, nenos e nenas de cursos comprendidos entre Educación Infantil  e 2º da ESO desfrutaron da presencia dos magos Joshua Kennneth e O Mago Paco.

O primeiro dos espectáculos máxicos da fin de semana tivo lugar o venres pola tarde. En total, 110 persoas asistiron ás 18.00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro ao espectáculo “Momentos Máxicos co Mago Rafa”, dirixido a un público familiar con nenos a partires dos 6 anos.

Durante a fin de semana tamén se desenvolveron dous obradoiros. O primeiro desenvolveuse o sábado na Casa da Cultura de Bertamiráns, impartido polo mago Joshua Kenneth de 11.00 a 12.30 horas. As 25 prazas que había dispoñibles foron totalmente cubertas. Mentres que o obradoiro do domingo impartiuse polo Mago Paco no mesmo horario pero, desta vez, na Casa da  Cultura do Milladoiro.

As Galas Máxicas, o prato forte da fin de semana
Preto de 800 persoas gozaron durante a fin de semana dos diferentes pases da Gala Internacional de Maxia. A maioría das entradas xa foran esgotadas durante a  semana a través da billeteira electrónica, polo que  se podía prognosticar o éxito do espectáculo. O 10% das entradas de cada unha das sesións foi vendido antes do espectáculo de maneira presencial.

Como novidade deste ano, houbo catro pases para que ninguén quedase sen poder asistir. Así, o sábado houbo dúas sesións, unha ás 17.30 horas e outra ás 20.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Asemade, o domingo desenvolvéronse outras dúas sesións no mesmo horario no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.

As magas Magica Gilly e Gaia Elisa Rossi e os magos Dani Polo e Xulio Merino foron participantes da Gala, que ademais estaba presentada por Pepín Banzo. Durante as catro sesións, realizáronse espectáculos de hipnose, manipulación e mentalismo, entre outros.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El festival de magia de Ames entretuvo a más de 4.000 personas"

El Correo Gallego: "Catro mil amesáns levaron ao éxito o Festival de Maxia"

XIV Festival de Maxia de Ames

Multimedia

  • XIV Festival de Maxia de Ames
  • XIV Festival de Maxia de Ames