Pestanas principais

Máis de 4.000 persoas participaron no XIII Festival de Maxia de Ames

Luns, 29 de outubro de 2018

[29-10-2018] Este domingo clausurouse a décimo terceira edición do Festival de Maxia do Concello de Ames, que se desenvolveu do luns 22 ao domingo 28 de outubro. Así, un total de 1.139 persoas acudiron aos espectáculos celebrados durante a fin de semana, mentres que 3.039 nenos e nenas puideron gozar dos espectáculos de maxia programados de luns a venres nos centros de ensino de Ames. O Festival de Maxia estivo organizado polo Concello de Ames, en colaboración coa Deputación da Coruña, e a empresa Abarajar Producciones, que repetiu como responsable do desenvolvemento do Festival.


Preto de 600 persoas asistiron á Gala Máxica Internacional
Sen embargo, a actividade estrela do Festival foi, un ano máis, a Gala Máxica Internacional, da que se celebraron tres pases: dous o sábado e un o domingo. Os pases do sábado, aos que acudiron un total de 480 persoas, realizáronse na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 18:30h e ás 20:30 horas. Á función do domingo, pola súa banda, acudiron 146 persoas e tivo lugar na Casa da Cultura do Milladoiro ás 18:30 horas.

A Gala, á que acudiron un total de 564 persoas, foi presentada por Daniel Polo e contou coa participación dos magos Davíd Díaz, mago Edgard, maga Gisell, Samuel Pons, Dario Proximity, Luigi Ludus, Roberto Lolo e Pedro Bugarín. Durante as tres sesións, os espectadores puideron gozar de números de mentalismo, espectáculos de manipulación e hipnose e grandes ilusións. Ademais, un neno apareceu vestido do mago Edgard, co que sorprendeu aos asistentes e aos magos.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destacou que “nesta décimo terceira edición ademais da calidade e diversidade dos espectáculos destacamos o grande interese que tivo entre o público de todas as idades, esgotando as entradas en poucos días e superando os 4.000 espectadores. Consolidamos un Festival de Maxia cun marcado carácter internacional, aberto e inclusivo que xa é referente nos circuítos de maxia do país".


Un ano máis, o Festival de Maxia do Concello de Ames converteuse nun dos eventos estrela da programación de outono, xa que contou coa participación de máis de 4.100 persoas ao longo de toda a semana. Deles, un total de 3.039 alumnos/as de infantil a 2º da ESO, acudiron aos espectáculos unipersoais ofrecidos entre o luns e o venres polos magos Roberto Lolo e Pedro Bugarín nos centros de ensino de Ames.

Por outra banda, aos espectáculos programados para a fin de semana asistiron un total de 1.139 persoas. Delas, 119 persoas acudiron o venres 26 ao espectáculo infantil de maxia de Luigi Ludus,“Cantando baixo a maxia”. Esta función, que tivo lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, comezou ás 18.30h e estivo destinada a nenos/as de ata 12 anos.

Durante este XIII Festival de maxia tamén se realizaron dous obradoiros de maxia para nenos e nenas de 8 a 14 anos. Así, o primeiro taller tivo lugar o sábado na Casa da Cultura de Bertamiráns, e correu a cargo do mago Roberto Lolo, que ensinou a 20 rapaces/as unha serie de trucos sinxelos cos que iniciarse no mundo da maxia. O domingo, sen embargo, foi Pedro Bugarín o que impartiu o obradoiro na Casa da Cultura do Milladoiro, ao que asistiron 16 rapaces.

O programa do evento continuou o sábado, coa celebración de tres sesións no Milladoiro e outras tres en Bertamiráns do espectáculo “A volta a Galicia do Mago Antón”, na que participou o coñecido mago e para a que se esgotaron os 420 convites que estaban dispoñibles.