Pestanas principais

Máis de 42 voluntarios/as colaboran coa Oficina municipal de voluntariado nas diferentes accións que desenvolve o Concello de Ames

Martes, 05 de decembro de 2017

[05-12-2017] Este martes, 5 de decembro, conmemorase o Día internacional do voluntariado. O Concello de Ames conta cunha oficina municipal de voluntariado que desenvolve ao longo do ano programas de acción social, de atención socioeducativa, así como outros programas de acción voluntaria e sociocomunitarios. Na actualidade 42 voluntarios/as colaboran activamente coa Oficina municipal de voluntariado nas diferentes accións voluntarias desenvolvidas. Todas as actividades están dirixidas e supervisadas polo coordinador da OVA.


Campaña de Zocos e trasnos
Cómpre destacar que, por segundo ano consecutivo, a Oficina de Voluntariado de Ames e a asociación de veciños Vivo en Ames, púxose en marcha a campaña Zocos e trasnos, para a recollida e entrega de xoguetes durante a época do Nadal. Na primeira edición desta campaña entregáronselle agasallos a 180 nenos/as de 0 a 14 anos. Nesta iniciativa, as zocas e zocos son nenas e nenos, dos 0 aos 14 anos, cuxas familias están a pasar por un momento de dificultades económicas. O obxectivo da campaña é que ningunha crianza quede sen agasallos este Nadal. De aí a existencia dos trasnos, persoas voluntarias que mercarán un presente para algunha destas nenas e nenos. Na pasada edición, foron 150 as crianzas que se beneficiaron deste programa.

Para rexistrarse como trasno é preciso chamar ao número de teléfono 662 37 70 44 (Oficina de Voluntariado de Ames) ou ao 687 05 46 35 (da Asociación Vivo en Ames), enviar un correo electrónico ao enderezo zocosetrasnos@gmail.com ou unha mensaxe privada á conta de Facebook do voluntariado ou da propia asociación. O rexistro tamén se pode facer presencialmente na Oficina de Voluntariado de Ames, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns. As persoas participantes na primeira edición, recibirán información por correo electrónico para seguir contando coa súa axuda. Os agasallos non poderán ser de carácter sexista nin bélico.

Outros programas de acción voluntaria e sociocomunitarios
Pero as actividades que xestiona a Oficina de voluntariado de Ames son moitas máis. No curso de seminario de amigos da viticultura participan 28 persoas; o curso de corte, confección e patronaxe conta con 14 alumnas; no obradoiro de costura para novatos/as hai 12 alumnas; e no obradoiro de relaxación a a través das cores, impartido en Bertamiráns, hai 20 participantes.

Outro das iniciativas máis destacadas da Oficina de Voluntariado de Ames é o roupeiro municipal, un servizo que se encarga de recoller toda aquela roupa ou enseres en bo estado pero en desuso da veciñanza, que en lugar de gardala ou tirala ao lixo prefiren que sexan outras persoas que a necesiten as que a reciban gratuitamente. Así, a veciñanza pode entregar nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro toda aquela roupa que non usa e está en bo estado.

Pero non son só os veciños de Ames os que se benefician da boa vontade dos voluntarios, xa que a OVA tamén participa no programa Para que outros poidan ver, a través da cal se recollen medicamentos e lentes para enviar ao Sáhara. Tamén se colabora na entrega de alimentos para persoas con máis carencias do concello. Neste senso cómpre destacar o incremento na entrega de produtos frescos coma verduras e hortalizas grazas ao convenio subscrito co Banco de Alimentos Rías Altas (Balrial).

Escola Integral de maiores
Ademais destes servizos, os maiores do concello asisten as clases da Escola Integral de maiores. Dividida entre Bertamiráns e O Milladoiro, esta Escola Integral oferta actividades a 32 alumnos e alumnas (17 no Milladoiro e 15 en Bertamiráns). As clases divídense en diversos grupos, dependendo do nivel escolar dos alumnos, facilitando así unha ensinanza personalizada e adaptada ás necesidades de cada alumno/a.

Tamén se imparten clases de español para estranxeiros en Bertamiráns, nas que participan 6 alumnos/as, e mailo curso de inglés para maiores Achégate ao inglés. Neste curso participan 24 alumnos/as e existen dous niveis: iniciación e perfeccionamento. Asemade, na actualidade, está en marcha o curso de iniciación ao ganchillo, no que participan 15 alumnas, e clases de alfabetización dixital para persoas maiores que conta con 8 participantes.

Como cada 5 de decembro, hoxe celébrase o Día Internacional do Voluntariado, no que as persoas voluntarias reciben o recoñecemento pola súa importante actividade no eido social a prol dos máis desfavorecidos. E son moitos os motivos polos que os veciños de Ames teñen moito que agradecer aos voluntarios e a OVA pola súa labor social en prol dos veciños/as con dificultades, ben sexan persoas maiores con deficiencias psíquicas ou físicas, mozos en perigo de exclusión social, estranxeiros con necesidades de aprender idiomas, etc.

O Concello de Ames articula o traballo da súa oficina de voluntariado arredor de tres eixos principalmente: programas de acción social; de atención socioeducativa; e outros programas de acción voluntaria e sociocomunitarios. Deste xeito, dentro do apartado de programas de acción social, desenvólvense actividades de acompañamento a persoas maiores e/ou persoas con discapacidade, de apoio e acompañamento no transporte adaptado municipal, e de acompañamento puntual en centros sanitarios.

A concelleira de Voluntariado, Isabel González, agradeceu “o traballo incansable do noso voluntariado que fai que o noso concello sexa un referente en voluntariado social, e que de forma altruísta e desinteresadamente ano tras ano nos dan o seu tempo en favor dos demais. O Concello nunca poderá agradecer toda a súa labor en favor dos demais. Eu como concelleira quero dar as grazas a todos/as os/as voluntarios/as por ser un exemplo e por darme tanto. Tamén teño que agradecer o traballo da persoa que fai posible que todo isto funcione que é Ruben Ramos, o coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames".

Por outra banda, desenvólvense programas de atención socioeducativa no que encadran as actividades de apoio escolar a menores con diferentes problemáticas sociais. Existen catro grupos diferenciados por idades e necesidades de aprendizaxe. Estas clases, nas que participan 30 nenos/as impártense en Bertamiráns e no Milladoiro. Esta iniciativa realizase en colaboración cos programas de educación familiar municipal.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Voluntariado en Ames con 42 vecinos"