Pestanas principais

Máis de 50 furgonetas participaron na VI Quedada do Club Camper Galicia que se desenvolveu os días 14, 15 e 16 en Bertamiráns

Luns, 17 de novembro de 2014

[17-11-2014] O Club Camper Galicia, en colaboración co Concello de Ames, organizou esta fin de semana no Pazo da Peregrina de Bertamiráns a VI Quedada do Club Camper Galicia. Esta foi a segunda vez que este evento se organizou no concello de Ames, despois de que xa se realizara no Milladoiro no ano 2012. Nesta xuntanza participaron algo máis de 50 furgonetas camper e arredor de 150 persoas. Este ano bateuse o récord de participación respecto das edicións anteriores. A maior parte procedían das catro provincias galegas, pero tamén de Avilés, Oviedo, Xixón, Bilbao e Guadalaxara. O Club Camper Galicia aproveitou esta xuntanza para celebrar a asemblea xeral anual na que se cambiou a directiva do club.


Mostra das furgonetas camper
O domingo pola mañá os participantes fixeron unha mostra das súas furgonetas camper diante do Pazo da Peregrina. Posteriormente, realizaron unha visita a Ponte Maceira onde fixeron unha foto de grupo e visitaron esta localidade amesá. Trala visita volveron ao Pazo da Peregrina onde realizaron unha comida.

Susana Martínez, membro da directiva e organizadora deste evento, agradécelle ao Concello de Ames a súa colaboración. Martínez explica “se fose por nós volveríamos tódolos anos a Ames porque atopamos moito apoio e fan que a organización deste evento resulte moi fácil”. Susana Martínez tamén destaca que “o balance desta sexta quedada é moi positiva xa que se bateu o récord de participación respecto das edicións anteriores”.

O venres pola tarde os participantes foron chegando nas súas furgonetas camper ás inmediacións do Pazo da Peregrina. As furgonetas camper estacionaron ao longo da avenida José Luís Azcárraga, diante do Pazo da Peregrina. Ás 22:00 horas celebrouse unha cea comunitaria na que se lle dou a benvida a todos os participantes. Ademais, trala cea houbo unha sesión de karaoke.

O sábado pola mañá os asistentes participaron nunha visita guiada, que foi organizada polo Concello, á fábrica da empresa FEIRACO. Alí foron recibidos polo presidente de Feiraco, José Montes, e polo concelleiro de Promoción Económica e Turismo do Concello de Ames, Bernardo Moar. Ao final da visita foron agasallados con diversos produtos desta empresa. Posteriormente, realizouse unha comida no Pazo da Peregrina.

Pola tarde, varias persoas que participaron nesta xuntanza acudiron ao mercado de rúa de Bertamiráns e á festa do Magosto que se desenvolveu na praza da Chavián. Ás 19:00 horas celebraron no Pazo da Peregrina a Asemblea Xeral do Club Camper Galicia na que saíu elixida a nova directiva desta club. A continuación houbo unha cea comunitaria no Pazo da Peregrina e unha festa que estivo amenizada polo gran Freddy DJ.