Pestanas principais

Máis de 500 rapaces e rapazas participaron no acto de clausura das Escolas deportivas

Luns, 27 de maio de 2013

[27-05-2013] O Concello de Ames, a través da concellaría de Deportes, organizou o sábado pasado, 25 de maio, o acto de clausura das Escolas deportivas. Neste vento participaron arredor de 530 nenos e nenas que ao longo deste curso escolar asistiron as actividades que se imparten dentro do programa municipal das Escolas deportivas. Ademais, de exhibicións sobre os deportes que practicaron durante este curso os rapaces e rapazas de Ames, houbo unha exhibición de judo e outra de break dance. A este acto asistiron a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar.

Este sábado pasado, 25 de maio, celebrouse o acto de clausura das Escolas deportivas no pavillón polideportivo do Milladoiro. Ás 16:30 h comezou o acto coa presentación dos 530 nenos e nenas que participarán neste evento. Trala presentación realizáronse varias exhibicións sobre os deportes que practicaron durante este curso os rapaces e rapazas de Ames. Primeiro houbo exhibicións de tenis, no que participaron 60 nenos/as, e tenis de mesa, no que participaron 10 alumnos/as.

A continuación, houbo dúas exhibición. Primeiro, unha de judo, a cargo de Abel Martínez e dous compañeiros do seu Club, e de seguido interviñeron os alumnos/as do obradoiro de break dance posto en marcha pola concellaría de Xuventude, que fixeron unha demostración do aprendido durante este curso. Tralas exhibicións, foi a quenda para os 60 nenos e nenas de predeporte e os 100 rapaces e rapazas que practicaron ao longo deste curso baloncesto.

Despois, saíron á pista do pavillón polideportivo do Milladoiro os 20 nenos/as que compoñen o grupo infantil de aeróbic de Barouta. Por último, fixeron unha exhibición as 280 rapazas e rapaces que practican a actividade de patinaxe. Todos os/as participantes levaron unha camiseta de agasallo. A partir das 19:10 horas houbo sorteo de varios agasallos (vales de material deportivo e balóns de baloncesto). A concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, foron os encargados de facer entrega destes agasallos.

Operación quilo
Ademais, a empresa VV Xestión de Actividades, que se encarga de impartir as actividades das Escolas deportivas municipais, realizou unha “operación quilo” co obxectivo de recadar alimentos non perecedoiros, que posteriormente se repartirán entre as familias amienses con menos recursos. A valoración desta iniciativa foi moi positiva xa que se xuntaron máis de 400 quilos de alimentos. A veciñanza amiense achegou diferentes produtos non perecedoiros como arroz, pasta, azucre, cacao, etc. Estes produtos serán cedidos ao departamento de Servizos Sociais do Concello de Ames co fin de que os reparta entre as familias amienses que máis o necesiten.