- Tematica
Un ano máis, a Aula da Natureza ofreceu aos nenos e nenas de Ames unha alternativa para desfrutar das vacacións de verán a través de campamentos na natureza. Neles 60 rapaces e rapazas desfrutaron de diversos obradoiros de eido ambiental e de saídas para descubrir as posibilidades que ofrece a natureza. Así mesmo, organizáronse diversas xornadas lúdicas.
Este ano, a programación municipal de campamentos de verán incluíu dous campamentos urbanos organizados pola Aula da Natureza. Esta proposta, dirixida a rapaces e rapazas de 6 a 16 anos, levouse a cabo nas instalacións da Aula da Natureza, na Ameixenda, en dúas quendas: do 1 ao 12 de xullo, e do 14 ao 26 de xullo. Durante estes días, os/as nenos e nenas desfrutaron dun completo programa actividades mesturando diferentes actividades lúdicas e de achegamento o coñecemento do medio natural e rural.
O horario foi de 11:00 a 17:30 horas e contouse con servizo de autobús tanto desde Milladoiro como desde Bertamiráns. A cargo dos rapaces estiveron, ademais da responsable municipal da Aula da Natureza, catro monitores de tempo libre formados nos cursos ofertados pola Concellería de Mocidade.
Actividades dos campamentos urbanos
Ao longo dos once días que duraron os campamento, os rapaces e rapazas que participaron puideron desfrutar dunha ampla variedade de actividades. Unha delas foi un obradoiro de tintas naturais no que realizaron debuxos de acuarela con tintas extraídos de diferentes vexetais, como as espinacas, a col lombarda ou a cenoria. Tamén elaboraron reloxos de area a partir de botellas de plástico, unindo polas bocas dous dos envases. Ademais, houbo un obradoiro de follas de macramé, no que realizaron diversas manualidades a partir de fíos de cores, e participaron na construción dun refuxio a partir de materias que os propios rapaces recolleron no monte.
Tamén houbo espazo para as excursións. Os nenos e nenas desfrutaron dunha saída pola Ruta dos Cabaliños do Demo, pasaron unha mañá na praia fluvial de Tapia con xogos e baños no río Tambre, e mesmo se desprazaron ata a praia de Cabio para coñecer de primeira man a vida mariñeira e os seus costumes. Así mesmo, outra das novidades deste ano foi a actividade dos cinco continentes, na que os rapaces e rapazas, divididos en 5 equipos, representaban a un continente. Deste xeito, reuniron información e cada continente preparou unha vestimenta representativa, unha danza, unha canción, e unha comida típica que expuxeron diante dos seus compañeiros.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Nenos e nenas de Ames exploran o medio ambiente nos campamentos Aula da Natureza"