Pestanas principais

Máis de setenta persoas percorreron o Rego da Andoriña este sábado ao abeiro do programa SaudeAndo

Luns, 20 de maio de 2019

Algo máis de setenta persoas participaron este sábado, 18 de maio, na andaina saudable polo Rego da Andoriña. A actividade contou cunha breve introdución á marcha nórdica da man do monitor Ricardo Angueira, e cunha guía de distintas curiosidades referentes á vexetación e á historia presente ao longo da camiñata a cargo de Patricia Reboreda, técnica municipal de Medio Ambiente. A xornada matutina rematou cun almorzo saudable composto por gran variedade de froita, torradas, empanada e auga. Dita andaina foi froito da colaboración entre a Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade; e a Concellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, co obxectivo de ofrecer unha alternativa extraordinaria á trintena de andainas xa programadas ao abeiro do programa SaudeAndo, destinada a fomentar a práctica de actividade física e o contacto coa natureza.

A xornada comezou na praia fluvial de Tapia ás 10.30h, onde o monitor de marcha nórdica Ricardo Angueira Vázquez ofreceu unha breve introdución a esta disciplina. Así, este primeiro contacto consistiu en coñecer os beneficios da marcha nórdica e aclarar cuestións como a utilizacións dos bastóns ou a colocación do corpo durante a camiñata. A continuación, comezou o percorrido polo Rego da Andoriña.

Durante o itinerario, os participantes tamén estiveron acompañados pola concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de Ames, Luisa Feijóo; a nutricionista municipal e responsable técnica do programa Ames Saudable, Rosana Martínez, e a técnica municipal de Medio Ambiente, Patricia Reboreda, que aproveitou para ilustrar o paseo con diversas curiosidades sobre a vexetación, a fauna e os escenarios polos que foi transcorrendo a andaina. Foron numerosas as persoas que se interesaron polas propiedades medicinais dalgunhas das plantas presentes durante o traxecto, así como por distintas localizacións do paseo, como a paisaxe dos muíños.

Se ben a ruta partiu da praia fluvial de Tapia, onde se puido ver o muíño restaurado da Insua, o camiño seguiu por unha senda á beira do río Tambre ata que os camiñantes se incorporaron a unha estrada que os levau ata a Ermida da Nosa Señora da Magdalena, trala que os camiñantes chegaron ás ribeiras do rego do Andoriña. Tamén pasaron ao carón das murallas do castro de Piñeiro e da capela do priorado de San Mamede, dende onde os participantes chegaron a unha pequena fraga, a devesa de Sequeiros, onde puideron ver unha mostra do bosque atlántico. A saída do monte, os e as participantes achegáronse ata unha pequena fervenza do canal Carreiro para, ao final, pasar pola ponte de Portochán.

Trala andaina, que rematou arredor das 13.00 horas, as veciñas e veciños congregados recargaron forzar a través dun almorzo saudable deseñado pola nutricionista municipal. Dito almorzo constou de distintos tipos de froita como fresas, melón, sandía e mazá; así como torradas con aceite de oliva e/ou tomate, empanada, e auga entre outros. A continuación, os/as participantes foron trasladados ata Bertamiráns e Milladoiro en autocar.

Mediante esta actividade, os departamentos de Sanidade e Medio Ambiente de Ames buscaron ofrecer unha alternativa novidosa dentro do programa SaudeAndo, que ten como obxectivo a promoción da actividade física e a redución do sedentarismo entre os e as amesás de todas as idades. Con esta nova andaina, ademais, buscouse organizar unha alternativa para aquelas persoas que, por cuestión de tempo ou horarios, non poden acudir ás andainas saudables programadas os xoves en Bertamiráns e Milladoiro.

Máis de setenta persoas percorreron o Rego da Andoriña este sábado ao abeiro do programa SaudeAndo

Multimedia

  • Máis de setenta persoas percorreron o Rego da Andoriña este sábado ao abeiro do programa SaudeAndo
  • Máis de setenta persoas percorreron o Rego da Andoriña este sábado ao abeiro do programa SaudeAndo
  • Máis de setenta persoas percorreron o Rego da Andoriña este sábado ao abeiro do programa SaudeAndo