Pestanas principais

Máis do 90% dos enquisados están satisfeitos coa programación cultural

Xoves, 19 de agosto de 2021

O 33% de veciños e veciñas de Ames que responderon á enquisa sobre a programación de artes escénicas están moi satisfeitos coa oferta cultural. A gran maioría, o 91%, adquire os convites a través da billeteira electrónica mentres que o 9% restante, nas taquillas das Casas de Cultura. O 63% dos enquisados coñece a programación a través da billeteira electrónica seguido do correo electrónico, a  fonte principal para o 45% da veciñanza. O 90% do público considera óptimo que as actuacións infantís sexan os venres ás 18:00 horas. Tan só 13 persoas preferirían que fosen as fin de semanas pola tarde.

Co obxectivo de introducir posibles melloras na programación que organiza a Concellaría de Cultura, unha enquisa interpelou á veciñanza sobre a valoración da organización dos eventos de artes escénicas.

Formada por 9 cuestións, comezouse preguntando aos participantes a franxa de idade á que pertencían e a súa localidade. O 65% dos que responderon á enquisa tiñan entre 41 e 65 anos, sendo os maiores desta idade os que menos participaron nas preguntas. A maioría de público vén do Milladoiro ou de Bertamiráns, fronte o 2% que se achega dende Santiago de Compostela.

Satisfacción cos horarios

O 90% do público considera óptimo que as actuacións infantís sexan os venres ás 18:00 horas. Tan só 13 persoas preferirían que fosen as fin de semanas pola tarde. En canto á programación dirixida a un público adulto, o 72% está satisfeito con que estas obras sexan os venres mentres que o 20% considera que depende do tipo das obras. Do 8% que preferirían outro día, propoñen a fin de semana pola tarde.

Preto do 44% recoñecen que ás 21.00 horas é o mellor horario para comezar as actuacións para adultos. O 40% optan polas 20.30 horas mentres que só o 17% prefiren adiantalas ás 20.00 horas.

A billeteira electrónica a fonte de información máis empregada

Cerca do 64% dos enquisados coñece a programación de artes escénicas do Concello de Ames grazas á billeteira electrónica. O correo electrónico é a segunda fonte de información máis empregada, en concreto, polo 45%.

A estas vías de información sígueas os carteis, que o 39% afirmou que se informa sobre os eventos a través deste xeito. Tan só o 16% recurre aos folletos, o 14% a través de familiares e amigos e o 22% afirma que coñece os eventos “por outros xeitos”.

A gran maioría, o 91%, adquire os convites a través da billeteira electrónica mentres que o 9% restante, nas taquillas das Casas de Cultura.

A valoración das Casas de Cultura

Neste apartado, a enquisa preguntaba sobre a atención telefónica, do persoal en taquilla, na sala e a confotabilidade En ambos locais a valoración e similar por parte dos enquisados. É dicir, moi boa en todos os aspectos.

Menos de 10 persoas consideran “mala” a atención telefónica de ambos edificios. O aspecto peor valorado é a confortabilidade, tanto na Casa de cultura de Bertamiráns como na do Milladoiro.

Por regra xeral, os enquisados están satisfeitos coa programación cultural que ofrece o Concello de Ames. O 37% considéraa bastante boa, o 33% moi boa e o 23% boa. Só o 7% da veciñanza está pouco satisfeito.

Suxestións dos veciños e veciñas

Co fin de mellorar a programación cultural, a enquisa web habilitou un apartado no que o/as enquisado/as podían engadir comentarios. Algunha das suxestións recomendaron diferentes compañías teatrais e outras. Outra das recomendacións foi que se establecese un sistema para realizar a devolución automática de entradas no caso de que unha persoa usuaria non poida asistir a un evento por contaxio Covid ou confinamento.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "A programación cultural conquista aos amesáns"

Presentación programación cultural