Pestanas principais

Máis dun centenar de persoas participaron nas proxeccións do programa Abril de Cine

Luns, 29 de abril de 2024

O pasado martes, 23 de abril, pechábase a cuarta edición do programa Abril de Cine, unha iniciativa encadrada dentro da programación deseñada polo departamento de Cultura do Concello de Ames. O obxectivo principal deste proxecto era achegar o cinema clásico á veciñanza amesá. Nesta ocasión, no marco deste ciclo proxectáronse as películas Verano 1993, Les 400 Coups (Os 400 golpes), The Straigth Story (Unha historia verdadeira) e In the mood for love (Desexando amar), todas elas en versión orixinal subtitulada. No ciclo participaron un total de 125 persoas.

Por cuarto ano consecutivo, o Concello de Ames impulsou unha nova edición do Abril de Cine, o programa cultural que busca achegar o cinema á veciñanza amesá. Nesta ocasión optouse por programar un ciclo de cine clásico en versión orixinal con subtítulos.

O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, destacou a boa acollida que tivo este ciclo de cine. “Este ano o ciclo Abril de Cine supuxo facer algo distinto ao habitual, facendo proxeccións en versión orixinal subtitulada. Estamos mantendo a programación cultural que estaba funcionando ben, pero ademais tratamos de incorporar nova programación para dispor de maior variedade”.

Unha nova actividade con boa acollida
Aínda que esta foi a cuarta edición do ciclo de cine organizado polo Concello de Ames, foi a primeira vez que integrou filmes en versión orixinal subtitulada, combinando filmes máis clásicos con “clásicos modernos”.

Desde a organización amósanse satisfeitos coa resposta da veciñanza, que conformou un público fiel repetindo nalgunhas sesións. Ademais, destacan que houbo unha progresión desde a primeira proxección ata a última na participación nos coloquios, que foi aumentando ao longo do ciclo.

Catro proxeccións de cine clásico
As proxeccións foron en versión orixinal subtitulada e contaron cun convidado do eido da cultura (cinema, música, literatura...). Deste xeito, nesta edición estiveron presentes a actriz Ledicia Sola, o escritor Diego Ameixeiras, o cineasta Alfonso Zarauza, e a actriz e directora Jaione Camborda. Cada un deles participou nun pequeno coloquio ao finalizar cada filme para afondar nos aspectos máis rechamantes da obra audiovisual.

O ciclo comezou o pasado 4 de abril, coa película Verano 1993, dirixida por Carla Simón e galardoada con 3 premios Goya (mellor dirección novel, mellor actriz revelación e mellor interpretación masculina), á que asistiron 19 persoas.

A segunda sesión foi o 11 de abril, na que se emitiu o filme Les 400 Coups (Os 400 golpes), unha obra clave da “nouvelle vague” na que se conta a historia de Antoine Doinel, e na que participaron 26 espectadores.

O filme The Straigth Story (Unha historia verdadeira), de David Lynch, proxectouse o martes 16 de abril, e a esta terceira sesión asistiron 35 persoas.  

A derradeira proxección desenvolveuse o 23 de abril coa peza In the mood for love (Desexando amar), un filme asiático que se desenvolve no Hong Kong de 1962. Esta cuarta e derradeira sesión foi a que maior afluencia tivo, con 45 asistentes. 

Máis dun centenar de persoas participaron nas proxeccións do programa Abril de Cine

Multimedia

  • Máis dun centenar de persoas participaron nas proxeccións do programa Abril de Cine
  • Máis dun centenar de persoas participaron nas proxeccións do programa Abril de Cine