Pestanas principais

Máis dun milleiro de persoas desfrutaron en Ames do VII certame Cinema Miúdo

Luns, 18 de novembro de 2024

Esa fin de semana o Concello de Ames acolleu a sétima edición de Cinema Miúdo, o certame internacional de cinema para público infantil que volveu a sorprender ao público transportando a nenos e nenas de todas as idades a unha viaxe máxica pola historia do cinema. Cunha programación cargada de novidades, o festival consolidou a súa posición como un dos referentes do cinema infantil en Galicia e España. Ademais de gozar das proxeccións, os asistentes puideron participar en talleres de fotografía analóxica, asistir a actuacións musicais e descubrir as orixes do cinema en seccións especiais dedicadas aos pioneiros da animación e a comedia. Premendo nesta ligazón pódese acceder á galería de imaxes do festival.

En total, entre o 14 e o 17 de novembro, Cinema Miúdo contou con máis de mil asistentes, dos que 450 foron público escolar de primaria e secundaria. Ao longo de toda a fin de semana o festival demostrou ser un evento fundamental para fomentar o amor polo cinema nos máis pequenos. Con cada edición, este vento medra e consolídase, creando un espazo para compartir emocións e experiencias co cinema como catalizador da creatividade, a diversión e o pensamento.

Palmarés do festival
Na gala de clausura, celebrada o domingo ás 18:30h no Auditorio do Milladoiro, déronse a coñecer os filmes gañadores desta sétima edición e os asistentes puideron desfrutar do concerto interactivo e cinematográfico de Caspervek. Este dúo vigués interpretou coñecidas bandassonoras coa axúda dos miúdos e miúdas presentes e púxolle música en directo a “Unha semana”, unha divertida comedia física de Buster Keaton.

Os premios do xurado estiveron dotados con 500 € e os do público con 200 €, ademais da correspondente estatuíña, obra do artista plástico galego Pelucas. O xurado estivo composto por tres profesionais do sector: o ilustrador de cómics e director de animación, gañador dun Premio Goya, Martín Romero; a directora e animadora portuguesa de filmes de animación, Alexandra Ramires; e o director da editorial infantil OQO, Xoán Couto.

A película francesa “Nube” alzouse co premio do xurado na categoría Axóuxeres (menores de 7 anos), cativando ao público coa súa delicada animación e a súa emotiva historia sobre a familia. Esta coprodución franco-mexicana-húngara transpórtanos a un mundo onírico onde as nubes senten e experimentan. A historia de Noma, unha nube branca e esponxosa que loita por salvar á súa filla dun destino tráxico, convídanos a reflexionar sobre a fraxilidade da vida e a importancia da familia. Nesta mesma categoría, "A Panadería de Boris" recibiu unha mención especial pola súa creatividade e orixinalidade.

“As Catúsicas da noite” foi recoñecida tamén polo xurado como a mellor curtametraxe na categoría Buxainas (maiores de 7 anos). O filme francés, que puido verse por primeira vez en toda España en Cinema Miúdo, transpórtanos a unha máxica e inquietante aventura nocturnana que un neno curioso adéntrase no bosque e descobre un mundo oculto, habitado por misteriosas criaturas. A atmosfera escura e poética, combinada coa animación artesanal, crea unha experiencia única que cautivou a xurado e asistentes.

O público tamén emitiu o seu veredicto. As votacións foron recollidas mediante un aplausómetro, que mediu a cantidande e duración dos aplausos tras cada curta proxectada. A máis aplaudida da categoría Axóuxeres foi “Ahru”, animación arxentina sobre un gardián do deserto. Por outra banda, o público elixiu mediante os seus aplausos a curta “O misterio dos calcetíns desaparecidos” como a favorita na categoría Buxainas, unha peza de animación de Estonia que transporta ao público a un mundo de cor no que obxectos esquecidos cobran vida e importancia. Os escolares tamén decidiron mediante aplausos á súa favorita, que foi “As regras do xogo”, de Christian Zetterberg.

Cinema Miúdo
Cinema Miúdo é un festival de cine infantil, que naceu no concello de Ames en 2017. O festival quere proporcionar ao público miúdo galego a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo. O seu obxectivo desde 2017 é formar un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual.

Deste xeito, propíciase que a rapazada descubra o gusto polo cinema e fórmase un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual. Algo de especial relevancia para o Concello de Ames, que ten a maior ratio de nenos e nenas de toda Galicia.

Foron catro días de programación pensada para brindar ás nenas e nenos galegas e galegos a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo a través do cinema.

Nas anteriores edicións de Cinema Miúdo, o público gozou de sesións con filmes de Galicia, Francia, Corea, India, Afganistán, Marrocos ou Estados Unidos ademáis de sesións específicas para escolares, mesas redondas para a comunidade educativa, obradoiros, e sesións musicais.

A produtora Abella estivo detrás da programación e produción desta sexta edición. A empresa galega traballou en varias das edicións e asumiu a xestión integral do evento o ano pasado, no que aplica a súa experiencia á fronte doutros festivais de cine como o Galician Freaky Film Festival ou o Primavera do Cine.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El certamen amiense Cinema Miúdo superó el millar de asistentes en cuatro días"

El Correo Gallego: "Dous filmes franceses conseguen os premios do xurado do Cinema Miúdo"

Bisbarra: "O VII Cinema Miúdo congrega a máis dun milleiro de persoas"

Máis dun milleiro de persoas desfrutaron en Ames do VII certame Cinema Miúdo

Multimedia

  • Máis dun milleiro de persoas desfrutaron en Ames do VII certame Cinema Miúdo
  • Máis dun milleiro de persoas desfrutaron en Ames do VII certame Cinema Miúdo
  • Máis dun milleiro de persoas desfrutaron en Ames do VII certame Cinema Miúdo
  • Máis dun milleiro de persoas desfrutaron en Ames do VII certame Cinema Miúdo