Pestanas principais

Mamá Cabra volve a Ames cun obradoiro de arrolos dentro do programa de dinamización lingüística Apego

Mércores, 28 de setembro de 2022

O programa Apego amesán arrinca outubro cun obradoiro de arrolos co grupo de música infantil Mamá Cabra. Nesta actividade Gloria Mosquera e Diego Maceiras interpretarán e ensinarán cantos de berce cos que adormecer, aleitar, tranquilizar e gozar da música e da lingua nos primeiros días e meses de vida. O taller, dirixido a familias con crianzas de 0 a 3 anos, desenvolverase o xoves 6 de outubro ás 18:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Para participar, cómpre inscribirse dende hoxe ata o 5 de outubro, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das nenas e nenos.

Mamá Cabra é un grupo de música infantil galego con máis de vinte anos de traxectoria, que conta con múltiples libro-discos publicados e cun amplo historial de actuacións e espectáculos para o público miúdo. Desta volta, Gloria Mosquera e Diego Maceiras, integrantes da banda, centrarán a actividade nos arrolos, cancións que nos acompañan nas primeiras etapas da vida para divertir, calmar ou adormecer. O grupo pretende transmitir o gusto pola música dende a primeira infancia, e este obxectivo comeza a traballarse nas voces da propia familia das crianzas, coas que comparten estas cancións para arrolar e transmitir a lingua dun xeito natural e con apego.

A actividade é de balde e as persoas interesadas en participar só teñen que enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que indiquen nome e apelidos das asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que as acompañen. O prazo de inscrición está aberto dende hoxe ata o mércores 5 de outubro. Non se admitirán inscricións fóra de tempo e as prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes.

A programación infantil con Apego de outono de 2022 pode consultarse ao completo premendo nesta ligazón.

O programa Apego, actividades, formación e recursos para favorecer a transmisión da lingua

O programa Apego vai dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade entre 0 e 6 anos. É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia a través de actividades e de recursos para facilitar e mellorar a crianza.

As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames. Para ese primeiro contacto poden optar por diferentes vías: cubrir o formulario "Súmate ao Apego" na páxina web apego.gal, escribir a normalizacion@concellodeames.gal ou chamar ao teléfono 662 377 215.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Mamá Cabra actuará este xoves no programa Apego"

Mamá Cabra volve a Ames cun obradoiro de arrolos dentro do programa de dinamización lingüística Apego

Multimedia

  • Mamá Cabra volve a Ames cun obradoiro de arrolos dentro do programa de dinamización lingüística Apego