Pestanas principais

Mañá, venres 14, celébrase a Gala Enreguéifate- Regueifesta, na que participará o alumnado do Agro do Muíño

Xoves, 13 de abril de 2023

Este venres, 14 de abril, ás 11:15 horas, dará comezo no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, a Gala Enreguéifate-Regueifesta. Trátase dun acto no que se entregarán os premios Enreguéifate, o certame de regueifas impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo e que pon o broche de ouro á súa sexta edición. Unha trintena de centros de ensino de toda Galicia participarán activamente neste Encontro Regueifesta ao que tamén asistirá alumnado improvisador chegado de centros educativos de Euskadi e Cataluña. Este ano, o alumnado de 6º do CEIP Agro do Muíño recollerá o premio á regueifa mellor cantada na categoría escolar por “Rosalía”.

Conducida polo mestre, músico e regueifeiro Manolo Maseda; o mestre, escritor e regueifeiro Séchu Sende; a regueifeira Lupe Blanco; e a regueifeira e música Olalla Liñares, a gala será unha viaxe polo mundo da improvisación oral en verso, e incluirá tamén unha actuación musical de O Rabelo e High Paw. O acto contará con dúas intérpretes de lingua de signos co fin de garantir a accesibilidade para as persoas con discapacidade auditiva.

O Enreguéifate e a Regueifesta son dúas iniciativas colectivas que procuran revitalizar a improvisación oral en verso para contribuír á promoción do uso da lingua galega, especialmente na infancia e xuventude.

O Enreguéifate, promovido por un total de cinco concellos galegos, entre os que se atopa Ames, desenvolveu nesta sexta edición obradoiros de formación para profesorado e estudantes e un certame de regueifas en vídeo no que participaron máis de 40 propostas entre a categoría escolar e a xeral, das que 12 recollerán o seu galardón na gala deste venres, incluído o alumnado de 6º do CEIP Agro do Muíño, que se fixo co premio á regueifa mellor cantada na categoría escolar por “Rosalía”. A listaxe de gañadores é a seguinte:

Categoría Xeral:

• A máis brava: Os e as regueifeiros de Compostela - “Tempo de notas”

• A máis aguda: Iván e Aroa - “Regueifa da Adolescencia”

• A máis diversa: Intercontinental - “Café con leite”

• A máis reivindicativa: Arrieiro e Chaminho - “A regueifa pedra Angular- freestile”

• A mellor falada: Escola de regueifa de Carballo - “Fachenda da nosa terra”

• A mellor cantada: Chámame lexión - “Regueifa co espello”

Categoría Escolar:

• A máis brava: Vivantistas de Dodro - “Interxerando”

• A máis aguda: Alumnado de 2º B do CEP Xosé Neira Vilas - “A Neira Horta”

• A máis diversa: Clase de 1º B do CEIP Quiroga Palacios - “Superheroes do cotián”

• A máis reivindicativa: Regueifeirxs chairegxs - “Regueixornal”

• A mellor falada: Uxía e María do Camballón - “A nosa lingua”

• A mellor cantada: 6ºA CEIP Agro do Muíño - “Rosalía”

A Regueifesta naceu no curso 2015-2016 co impulso de dous institutos (o IES de Baio e o IES de Vila de Cruces) e co apoio da Asociación ORAL e da Escola Semente, e creou un pequeno movemento de dinamización do repente galego entre as novas xeracións.

Este movemento, que procura identificar valores da sociedade actual (autoxestión, participación social, intelixencia emocional, ecoloxismo lingüístico, visión internacional do idioma...) co uso normal da lingua galega nos espazos vitais da xente nova, é posible grazas á participación de ducias de centros de ensino e profesorado comprometido, que fan uso da regueifa como ferramenta de transformación social. A festa da regueifa ou Regueifesta suporá o peche festivo a esta nova edición do proxecto.

Regueifas premiadas no 2023