Pestanas principais

A maquina do tempo dos Bolechas chega o domingo 13 a Ames

Venres, 11 de setembro de 2015

[11-09-2015] Os irmáns Bolechas atopan un estraño aparello que remata por ser unha máquina do tempo. Alguén terá que estreala, pero todos teñen medo de meterse nela... Este é o punto de partida de “Os Bolechas na máquina do tempo”, o espectáculo de Bolanda Ediciones e Marketing que, no marco do programa de dinamización lingüística FalaRedes, posto en marcha pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, se representará na Casa da Cultura de Bertamiráns o domingo, 13 de setembro. O espectáculo, que fomenta o uso da lingua propia mediante a identificación dos nenos e nenas cos protagonistas, desenvólvese en forma de concurso-teatro e está dirixido a un público familiar. A entrada é gratuíta ata completar aforo.

A máquina do tempo desenvólvese en forma de concurso-teatro dirixido a un público familiar pero especialmente destinado a nenas e nenos de educación infantil e primaria. A maiores de promover o uso do galego, Os Bolechas na máquina do tempo ten tamén unha importante parte didáctica, xa que a actividade simula un concurso no que tanto os irmáns Bolechas coma os nenos e nenas asistentes deben demostrar os seus coñecementos sobre historia.

Para a concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero: “Os nenos e nenas son un sector da sociedade importantísimo para a saúde do idioma e o máis débil neste momento. Debemos fornecer todo tipo de recursos e ferramentas para fomentar o coñecemento e uso natural do galego nestes tramos de idade. O Concello de Ames destaca pola importancia dos nenos e nenas e da mocidade na súa pirámide de idade, polo cal temos unha responsabilidade aínda maior que noutros concellos. Pouco a pouco irémonos dotando de novos programas e actuacións de normalización lingüística dirixidos a estes segmentos de poboación”.

A máquina do tempo
Os bonecos preséntanse en forma de monicreques manipulados por actores á vista. A historia comeza cando os irmáns Bolechas atopan un estraño aparello que non recoñecen ata que caen na conta: é unha máquina do tempo! Alguén terá que estreala, pero todos teñen medo de meterse nela, así que, bótano a sortes e tócalle a Carlos e a Pili probar a estrambótica máquina. Os dous irmáns métense nela e os outros comezan a premer os botóns para mandalos ao futuro: van saír feitos uns mozos! E así é. A máquina do tempo funciona! Mais Carlos e Pili non queren ser maiores; teñen as pernas e os brazos moi longos e a cabeza moi grande… e a Carlos mesmo lle saíu barba. Queren volver ser nenos, así que usarán de novo a máquina para volver atrás. Entón, aparece o dono do aparello, o doutor Apolodoro, un científico tiruleco ao que non lle gustan nada os cativos e non quere que Os Bolechas volvan a ser nenos, así que estraga a máquina e os dous irmáns aparecen… na Prehistoria! Para volver ao presente os Bolechas precisarán a axuda do público, e é aquí onde comeza o concurso no que mediante xogos de pregunta/resposta e diversas probas os personaxes obterán as baterías que lles permitirán regresar ao momento actual.

Páxina web con sorteo de grandes premios A proposta conta tamén coa súa propia páxina web, www.osbolechas.com/maquinadotempo, onde, ademais de explicar a dinámica e os obxectivos do programa, se ofrece calendario coas datas e vilas onde vai a estar o espectáculo, así como xogos e actividades relacionadas coa temática da iniciativa. Tamén se inclúen unhas fichas didácticas para traballar na casa ou na escola na iniciación á Historia das cativas e cativos galegos. A nova web inclúe, ademais, un apartado adicado ao sorteo de magníficos lotes de libros dos Bolechas. Hai tantos sorteos mensuais como espectáculos se celebren ao longo dese mes e poderá participar neles calquera persoa, asista ou non aos espectáculos. De non ter asistir, os e as participantes optan a un lote de cinco libros, pero, de teren asistido a algún espectáculo e poñer no formulario a palabra clave que se deu nesa función, o premio multiplícase por dous, o que significa que o gañador do sorteo leva dous lotes (dez libros). As datas dos sorteos, así como os gañadores publícanse nesta mesma páxina. As redes sociais dos Bolechas: Facebook, Twitter e Youtube, contan con milleiros de seguidores moi activos.


Contido relacionado


"Os Bolechas levarán a Bertamiráns a súa máquina do tempo para fomentar a lingua"