Pestanas principais

Mariña Pérez Rei e Rafa Vilar protagonizan o segundo encontro literario do mes do libro en Ames

Martes, 19 de abril de 2022

O departamento de Bibliotecas amesán prepara para esta semana un novo encontro literario co gallo do mes do libro, de novo coa presenza de autoras e autores residentes en Ames. Este xoves 21 de abril, Mariña Pérez Rei e Rafa Vilar estarán a partir das 20:00 horas no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, nun evento con entrada libre ata completar aforo.

As bibliotecas amesás afrontan a semana do Día do libro cunha nova proposta de animación á lectura para o público adulto, cun encontro literario con Mariña Pérez Rei e Rafa Vilar. Esta é a segunda proposta deste tipo en abril, mes do libro, na que o departamento de Bibliotecas está a achegar á veciñanza autores e autoras que ou ben residen ou son naturais de Ames.

Neste senso, hai dúas semanas achegáronse ao Pazo da Peregrina Charo Pita e Carlos Labraña, que presentaron á veciñanza os seus traballos máis recentes. A programación do mes do libro, xa na súa recta final, inclúe máis actividades para as persoas adultas, como o sorteo de ata 800 euros en vales para varias librarías amesás, ou unha sesión de contacontos coa propia Charo Pita o Día do Libro, o sábado 23 de abril.

Mariña Pérez Rei (Ames, 1966) é unha escritora galega que produce tanto poesía como narrativa, acadando varios premios en ambos sensos ao longo dos últimos anos. O seu primeiro poemario, “Fanerógama”, levou o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón 2005. Ademais, a súa prosa foi recoñecida co Premio Lueiro Rey de Novela Curta 2006, por “Canícula”, e resultando gañadora IX do Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos no 2010, por “Costa Necrópole: Escenarios para deslembrar”.

Rafa Vilar (Cee, 1968) é un escritor galego cunha extensa obra no eido da poesía, con máis dunha ducia de títulos publicados dende os anos 90. Algúns dos galardóns cos que foi recoñecido foron o Premio Fermín Bouza Rey 1992 por “Liques da memoria”, o Eusebio Lorenzo Baleirón 2006, por “Escoración dos días”, o Cidade de Ourense 2008, por “Migracións”, ou o Premio Arume de poesía para nenas e nenos 2011 por “Patente de corso (pequeno dicionario pirata)”. No ano 2021, levou o Premio Rosalía de Castro de Poesía, por “O sal dos días” e gañou o X Certame de Poesía Xosé Manuel López Ardeiro, con “Furtivas”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Mariña Pérez Rei e Rafa Vilar nun encontro literario o 21"

Enfoques: "Mariña Pérez Rei y Rafa Vilar protagonizan el segundo encuentro literario del mes del libro en Ames"

Mariña Pérez Rei e Rafa Vilar protagonizan o segundo encontro literario do mes do libro en Ames

Multimedia

  • Mariña Pérez Rei e Rafa Vilar protagonizan o segundo encontro literario do mes do libro en Ames