Pestanas principais

Maximino Viaño recibe hoxe a Medalla do Concello no acto do Día de Galicia en Ames

Xoves, 23 de xullo de 2020

O Cronista Oficial de Ames, Maximino Viaño recibirá hoxe, de mans do alcalde José Miñones, a Medalla do Concello. Será no transcurso do Acto de celebración do Día de Galcia en Ames que terá lugar a partir das 20:30 no Pazo da Peregrina. Asistirá a corporación municipal e falarán os voceiros de cada un dos grupos políticos que teñen representación no concello. A música correrá a cargo de Paty Lesta e Cristian Leggiero que interpretarán  temas clásicos galegos e guiarán aos asistentes na interpretación do Himno de Galicia co que se pechará o acto. Por mor da normativa imposta para loitar contra a pandemia do Covid19, o aforo limitarase a 120 persoas e estableceranse corredores que marquen as entradas e as saídas do recinto.

O acto do Día de Galicia en Ames que se celebrará esta tarde a partir das 20:30 no Pazo da Peregrina, ten este ano como protagonista a Maximino Viaño, Cronista Oficial de Ames. Está previsto facerlle unha recepción oficial e que o alcalde, José Miñones, lle entregue a Medalla do Concello. Acompañarán a Maximino familiares e amigos, entre eles, o ex-concelleiro, Xesús Carrera “Beiro”, compañeiro de Maximino no espazo “A Memoria” de Ames Radio que se leva emitindo todos os xoves ao mediodía desde o nacemento da radio municipal no ano 2007.

Histórico do Cooperativismo Agrario Galego, Maximino foi socio fundador da Cooperativa Feiraco e promotor da denominación Ternera Gallega, cuxo órgano reitor presidiu até o ano 1973. Comendador da Orde ao Mérito Agrícola e Medalla de Bronce de Galicia, Maximino dedicou unha boa parte da súa vida a fomentar o progreso e a mellora do campo. As lembranzas e as vivenzas dese “home de campo e fillo de labradores”, como el gusta de definirse, están recollidas nos seus libros: “Lembranzas: Unha vida no campo galego”, “Os muiños de Riamontes. Contos da miña aldea” e “Visto desde a aldea, aquela xentiña eramos así”, publicado este último no ano 2019 polo concello de Ames e a Deputación Provincial de A Coruña. No ano 2015, a corporación amesán nomeouno Cronista Oficial da vila.

Como vén sendo habitual, a meirande parte dos membros da corporación municipal estarán presentes no acto de conmemoración do “Día de Galicia en Ames” e os voceiros de cada un dos grupos con presenza representativa no concello pronunciarán unhas verbas. A música correrá a cargo de Paty Lesta e o pianista Cristian Leggiero, un dúo afeito a realizar cerimonias e actos deste tipo. Interpretarán “Negra Sombra”, “Lela”, “Alecrín” e “Alalá das Mariñas”e guiarán á veciñanza e aos políticos na interpretación do Himno Galego co que rematará o acto.

Este ano o acto estará marcado polas normas que rexen para loitar contra a pandemia da COvid19. Así a distancia á que se coloquen as cadeiras dos convidados e convidadas será a axeitada a esta circunstancia, haberá botes de hidroxel e un corredor marcará o camiño polo que os convidados e convidadas deberán entrar e saír. O aforo limitarase a 120 persoas que deberán acudir ao recinto con máscara.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Maximino Viaño recibió la medalla del Concello de Ames"

Maximino Viaño recibe hoxe a Medalla do Concello no acto do Día de Galicia en Ames

Multimedia

  • Cartel do acto do Día de Galicia
  • Maximino Viaño recibe hoxe a Medalla do Concello no acto do Día de Galicia en Ames
  • A música corre este ano a cargo da cantante Paty Lesta e o pianista Cristian Leggiero