Pestanas principais

Mellórase a depuradora de Sisalde coa construción dun pozo de groso que permitirá un mellor tratamento das augas residuais

Martes, 16 de xuño de 2020

Esta mañá o alcalde de Ames, Jose Miñones, e mailo concelleiro de Obras e Servizos, Blas García, visitaron a EDAR de Sisalde, xunto cos técnicos de Espina y Delfín, empresa concesionaria do Ciclo Integral da Auga do Concello de Ames, para ver as obras que se están executando para construír un pozo de grosos. A actuación proxectada ten a finalidade de mellorar o sistema de depuración da EDAR, que terá como consecuencia facilitar o seu sistema de explotación, mellorando a calidade da auga que é devolta ao río. Tamén se mellorará o sistema de eliminación de sólidos no pretratamento da EDAR.

A EDAR de Sisalde depura as augas residuais do núcleo urbano de Bertamiráns e de parroquias limítrofes, así como as dunha zona do concello veciño de Brión. Dita depuradora, que está situada ao carón do río Sar, na parroquia de Ortoño, comezou a funcionar o 15 de marzo de 2001 e foi deseñada para atender a unha poboación de 13.000 habitantes. Na actualidade, en dita EDAR, estase a depurar a maior cantidade de auga residual que hidraulicamente permite a instalación, aínda á conta de sobrecargar a mesma, coa finalidade de dar cumprimento das directrices establecidas na normativa vixente.

Para tratar de mellorar o tratamento de augas residuais, a empresa concesionaria do Ciclo Integral da Auga do Concello de Ames, Espina y Delfín, está executando un pozo de grosos, por valor de preto de 400.000 euros, con cargo aos investimentos correctivos recollidos en dito contrato. Este pozo de grosos estase construíndo á entrada da auga á EDAR, xa que as augas residuais que chegan á mesma procedentes dos colectores da rede de saneamento, arrastran todo tipo de materiais sólidos (plásticos, trapos, madeiras, areas, etc.). Se os sólidos non son eliminados, poden producir serias avarías nas bombas de alimentación da estación depuradora e nos outros equipos, así como erosionar as tubaxes.

Ante os continuos problemas que xera a explotación da EDAR motivada pola precaria situación da entrada de auga á EDAR (actual canal de predesbaste, no cal hai unha reixa automática de grosos), que provocan problemas na calidade da explotación e un desgaste prematuro da instalación, estase a executar unha obra que mellorará o sistema de eliminación de sólidos no pretratamento da EDAR, que tantos problemas ocasiona no sistema de explotación.

Na actualidade acumúlanse areas na reixa de entrada que fai que estea permanentemente fóra de servizo, impedindo o funcionamento correcto das bombas encargadas do bombeo da auga residual de entrada á planta, con atrancos motivados por acumulación de areas e sólidos no pozo do bombeo de entrada de auga. A única forma de protexer as instalación de dita planta é coa construción do pozo de grosos.

Coa obra que se está a executar (pozo de grosos) preténdese separar os sólidos de maior tamaño e a sedimentación das areas. Os sólidos acumulados no pozo deberán ser extraídos de maneira periódica, cunha culler bivalva. Os sólidos separados almacenaranse en contedores para a súa recollida por xestor autorizado para dito residuo.

Deste xeito, o exceso de caudal de auga que non entraba na depuradora e pasaba directamente ao río Sar, agora vai pasar por unha reixa lateral do pozo de grosos, que vai impedir que os sólidos saían fóra ao río. O exceso de caudal que non pode ser tratado, non levará plásticos, toalliñas e outros materiais que acababan no río.

Mellora do sistema de depuración da EDAR
A actuación proxectada ten a finalidade de mellorar o sistema de depuración da EDAR, que terá como consecuencia facilitar o seu sistema de explotación, mellorando a calidade da auga que é devolta ao río Sar, así como prolongar a vida útil de varios elementos da instalación da EDAR, todo elo tradúcese nunha mellora na calidade ambiental da zona. Este pozo de grosos queda executado de forma que xa serva para futuras ampliacións de dita planta.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, explicou durante a visita; “temos que buscar solucións para mellorar o rendemento desta depuradora de Sisalde. Non podemos seguir esperando a que a Xunta execute os compromisos adquiridos co Concello de Ames neste senso. En 2012 o anterior conselleiro anuncio a ampliación desta planta. Hai 3 anos Augas de Galicia volveu a comprometer dita ampliación. O ano pasado dende Augas de Galicia dixéronnos que ían a redactar o proxecto. A realidade é que actualmente non temos dito proxecto. Por iso nós temos que actuar, na medida do posible, para contaminar menos o río Sar”.

Miñones apuntou “o que quero trasladarlle á Xunta de Galicia é que cumpra o compromiso adquirido coa ampliación desta EDAR, que é mais que necesaria, xa que o caudal que chega a esta depuradora é moito máis do que pode asumir. Non vai servir de moito que se faga un grande investimento cunha nova depuradora en Santiago de Compostela, se despois poucos quilómetros máis abaixo o río Sar segue contaminado porque non se amplía a depuradora de Sisalde. É moi necesario ampliar esta EDAR. Por iso solicitamos novamente que se execute ese proxecto, que estaba comprometido o ano pasado, e que segue sen executarse”.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explicou que “os concellos non sempre podemos ser xestores administrativos da administración autonómica e encargarnos de cobrar aos canons de saneamento e depuración, e despois eses cartos non se vexan investidos no concello. Esta é unha depuradora do ano 2001, que comezou a funcionar para dar servizo a 13.000 habitantes, e agora está desbordada dando servizo ao dobre de usuarios/as. É importante que os concellos non sexamos os que teñamos que facer investimentos, que moitas veces non nos corresponden. O abastecemento e saneamento é competencia de Augas de Galicia. Esta depuradora entra dentro dos limites de xestión de Augas de Galicia. Non deberíamos ser os concellos os que teñamos que facer este tipo de obras por valor de preto de 400.000 euros”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Avanza la obra en la depuradora de Sisalde, que evitará la llegada de desechos al río Sar este verano"

El Correo Gallego: "Melloras na estación de Sisalde"

Lindeiros: "Ames mellora a depuradora de Sisalde"

Revista Ames Go: "Obras de mellora na depuradora de Sisalde"

Imaxe da visita feita á depuradora de Sisalde

Multimedia

  • Imaxe da visita feita á depuradora de Sisalde
  • Imaxe da visita feita á depuradora de Sisalde
  • Imaxe da obra de execución do pozo de grosos