Pestanas principais

A Mesa Xeral de Negociación aproba a modificación puntual do Convenio colectivo do persoal laboral e da Relación de Postos de Traballo

Luns, 13 de xuño de 2016

[13-06-2016] O goberno municipal vén de reunirse cos representantes do persoal municipal do Comité de Empresa e da Xunta de Persoal en Mesa Xeral de Negociación. Neste encontro tomáronse acordos de vital importancia para o Concello de Ames xa que se aprobou unha modificación puntual do convenio colectivo do persoal laboral, así como outra modificación de mínimos da Relación e Postos de Traballo (RPT), necesaria por lei para poder sacar adiante os orzamentos de 2016. Ademais, o goberno deu traslado da proposta do novo presuposto con relación aos aspectos e contidos que afectan ao persoal. Por último, aprobouse a ampliación do horario de verán nun mes máis. Deste xeito, o persoal municipal gozará do horario de verán dende o 15 de xuño ata o 15 de setembro.

O primeiro acordo que se tomou foi a aprobación por unanimidade dunha acta dunha reunión anterior. De seguido, deuse conta do acordo tomado polo Comité de Empresa e mailo goberno para modificar de forma puntual o Convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Ames, adoptado en relación coa revisión das previsións actualmente contempladas no mesmo ao respecto do sistema de clasificación profesional.

Cómpre destacar que antes da celebración de dita Mesa Xeral de Negociación os representantes sindicais do persoal laboral e mailo goberno chegaron ao acordo de aprobar por unanimidade esta modificación puntual do convenio para adaptalo ao Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP). Así créase dentro do convenio o grupo profesional B, que non existía ata o de agora, ao que se poderá adherir todo o persoal que para o seu acceso ao Concello de Ames se lle requiriu como titulación mínima Técnico superior (FP II) e que actualmente ten unha clasificación irregular. A diferencia salarial que supón a creación do grupo B comezarase a aboar na primeira nómina de 2017, así como os atrasos dende a entrega en vigor deste acordo que correspondan co exercicio 2016.

O punto máis importante que se recollía na orde do día era a proposta de modificación de mínimos da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Ames. Para abordar este asunto creouse unha comisión de traballo que durante os últimos meses se reuniu en varias ocasións para pechar un proposta que foi o que se levou a Mesa Xeral de Negociación.

Cómpre lembrar que a Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Ames foi aprobada no ano 2007 e desde entón non houbo ningunha revisión nin modificación posterior a pesares das esixencias legais de adaptación de dita RPT aos contidos e circunstancias das necesidades reais do Concello en material de persoal. Tan só se incluíu nela o posto de Tesoureiro, modificación feita por previsión legal.

A necesidade urxente de aprobación dun novo orzamento, que leva prorrogado desde o 2012, e a recente entrada en vigor da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, que ten unha incidencia directa no que se refire á xestión do emprego público local, e no tocante á elaboración da RPT, esixe que todos os postos que figuren na RPT estean dotados de orzamento. Nunha segunda fase abordarase con maior profundidade cada casuística de cara a obter un documento final que poida ir ano a ano actualizándose.

Debate da modificación da RPT
Dende a CIG apoiaron esta modificación pero supeditada a unha serie de acordos como foron iniciar de xeito inmediato unha modificación integral da RPT coa conseguinte revisión da estrutura organizativa e funcional e das valoracións realizadas para cada un dos postos; poñer en marcha un plan de carreira profesional vertical e horizontal do persoal do Concello de Ames aberto a todo os traballadores/as; reforzar no vindeiro e seguintes exercicios orzamentarios, na mediada do posible, o cadro de persoal vinculado á brigada de obras e servizos básicos; e explorar a viabilidade de reducir ou eliminar a parcialidade dos contratos do persoal dos comedores escolares.

Dende UGT tamén aprobaron esta modificación, pero instando ao goberno a que chegue ao mellor acordo posible co profesorado da Escola Municipal de Música de Ames. O goberno aceptou a proposta da CIG, e sobre a EMMA, dixo que se estaban mantendo reunións cos profesores/as e pais/nais dos usuarios/as para chegar ao mellor acordo para todos os axentes implicados.

Dende o CSIF non apoiaron esta modificación por non estar de acordo coa valoración feita para os postos destinados á segunda actividade da Policía Local e por non revisar a valoración do posto dun traballador ao cal se lle diminúe o salario. Por conseguinte, os tres delegados sindicais de CSIF votaron en contra e o delegado sindical de CC.OO. abstívose. Así, a actualización da RPT saíu adiante co apoio do 72% dos delegados/as sindicais do Comité de Empresa e da Xunta de Persoal, con 10 votos a favor, 3 en contra e unha abstención.

Para Miñones, concelleiro responsable do departamento de persoal, “o feito de terse aprobados estes dous importantes puntos son unha mostra clara da boa sintonía e clima que o goberno municipal ten creado cos traballadores, tendo lugar neste último ano grandes avances nos dereitos dos mesmos”.

O goberno municipal tamén aproveitou esta xuntanza para dar traslado do capítulo I (gastos en persoal) da proposta de novo presuposto en relación aos aspectos e contidos que afectan ao persoal municipal. Proximamente, o goberno municipal terá que convocar unha nova xuntanza da Mesa Xeral de Negociación para dar traslado dos orzamentos de 2016 aos representantes do persoal. Por último, aprobouse a ampliación do horario de verán nun mes máis. Deste xeito, o persoal municipal gozará do horario de verán dende o 15 de xuño ata o 15 de setembro. Ata o e agora este horario estendíase do 1 de xullo ao 31 de agosto.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello aprueba la modificación de la Relación de Puestos de Trabajo"
El Correo Gallego: "Un horario veraniego más amplio para trabajadores amienses hasta septiembre"