- Tematica
A Concellaría de Xuventude do Concello de Ames propón neste mes de setembro unha nova actividade enmarcada dentro do programa Trouleando que conxuga natureza, deporte e diversión: unha xornada no Galipark en Padrón. Será o sábado 28, e ofrecerase servizo de autobús dende Bertamiráns e O Milladoiro. Os mozos e mozas interesados en participar deben anotarse enviando a ficha de inscrición cuberta ao enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal entre os días 13 e 18 de setembro. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de chegada dos correos.
O programa Trouleando ofrece para a mocidade unha nova iniciativa durante o mes de setembro, unha xornada no Galipark en Padrón, un parque multiaventuras cunha ampla e variada gama de actividades nas que pasar unha xornada de ocio en circuítos de altura (pontes colgantes), tirolina, rocódromo, tiro con arco, pistola láser tag e, segundo a meteoroloxía, deslizador acuático e piscina.
A actividade terá lugar o sábado 28 de setembro, pola mañá. Os rapaces e rapazas sairán en bus dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns (ás 9:15 horas) e dende a Casa da Cultura do Milladoiro (ás 9:30 horas). O regreso aproximado está previsto para as 14:30 horas no Milladoiro e para as 14:45 horas en Bertamiráns.
Poden participar todos os mozos e mozas que estean empadroados en Ames nados entre 2011 e 1994. É imprescindible anotarse previamente, enviando cuberta a ficha de inscrición que se pode atopar nesta ligazón ao enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal entre os días 13 e 18 de setembro. As prazas son limitadas (hai 53 prazas dispoñibles, que se asignarán por orde de chegada dos correos ata completarse).
Será preciso contar cun mínimo de 20 mozos/as para desenvolver a actividade. Para calquera dúbida pódese contactar co departamento de Xuventude escribindo ao seu enderezo electrónico, xuventude@concellodeames.gal.