Pestanas principais

Mulleres de Ames vítimas de violencia de xénero aprenden habilidades para xestionar situacións de risco

Martes, 20 de setembro de 2011

[20-09-2011] Un grupo de 13 mulleres residentes no municipio de Ames, vítimas de violencia de xénero, asisten desde hoxe a un curso para a aprendizaxe de técnicas de autoprotección, organizado pola Secretaría Xeral da Igualdade en colaboración co concello e o Sindicato Unificado de Policía. Falar cunha voz segura e potente, pero sen gritar, practicar movementos de esquivas ou usar correctamente a distancia ante o agresor son destrezas útiles para afrontar unha situación de risco por violencia e constitúen unha parte importante das sesións do curso, que foi presentado esta mañá en rolda de prensa pola secretaria xeral da Igualdade, Marta González; o alcalde de Ames, Santiago Amor, e o axente de policía coordinador do curso, Alejandro Gómez. Tamén asistiron a concelleira de Servizos Sociais, Familia Dependencia e Maiores, María Dolores Fernández, e a concelleira de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade Eugenia Martín Vicente.

Os contidos didácticos están orientados á adquisición de destrezas que proporcionen ás participantes unha maior habilidade para xestionar positivamente as situacións de risco por violencia e, consecuentemente, teñan unha percepción de maior seguridade persoal. O curso ten unha duración de 12 horas, divididas en sesións teóricas e prácticas, consistentes en analizar a tipoloxía dos comportamentos violentos que se producen e os escenarios máis frecuentes destes, entre os que o máis habitual é o domicilio. A partires desa análise, as mulleres aprenden destrezas básicas para xestionar con habilidade a situación sorteando o risco, mediante a combinación de técnicas de seguridade estática e dinámica. O curso desenvolverase durante os días 19, 20, 22, 26, 27 e 29 de setembro en horario de 18.00 h. a 20.00 horas da tarde.

Segundo os datos facilitados pola secretaria xeral da Igualdade, Marta González, en Ames hai un total de 47 mulleres que teñen algunha medida de protección, entre ordes de protección e medidas cautelares. Esta foi un dos factores polos que se elixiu Ames para acoller este curso de autoprotección para mulleres vítimas da violencia de xénero.


Contidos prácticos

Técnicas para practicar esquivas totais ou parciais, o uso correcto da distancia ante unha agresión, os movementos precisos para un desprazamento eficaz, o comportamento recomendable se hai menores presentes ou o uso da voz son algunhas das destrezas que se exercitan nos cursos. A voz é un factor decisivo para frear a violencia do agresor. As mulleres aprenden a importancia de empregar palabras curtas e contundentes, cun ton de voz seguro e potente, pero sen gritar, tratando de ganar tempo e buscar unha saída ao escenario de violencia.

Policías especialistas na custodia de mulleres con ordes de protección

Os axentes de policía que imparten as sesións son especialistas en violencia de xénero, que desempeñan o seu traballo en unidades policiais vinculadas a esta problemática e en tarefas de custodia das mulleres con ordes de protección.

O curso que comeza hoxe en Ames forma parte da serie de 11 cursos programados este ano en Galicia, dos que xa se celebraron os correspondentes ás localidades de Arteixo, Ribeira, Vilalba, O Barco, Verín, Cangas, Moaña e Ponteareas, coa participación dun total de 130 mulleres. Por provincias, a participación está encabezada por Pontevedra con 48 beneficiarias, seguida de A Coruña con 42, Ourense con 25 e Lugo con 15 participantes. Faltan por celebrar os cursos de Monforte e Vigo, previstos para outubro.

A iniciativa, programada pola Secretaría Xeral da Igualdade por segundo ano consecutivo, está a ofrecer resultados moi positivos, tanto cuantitativamente polo cada vez maior número de mulleres interesadas en participar -o pasado ano celebráronse sete cursos, con asistencia de 80 mulleres- como cualitativamente, xa que as participantes se involucran activamente e valoran a súa nova capacidade para afrontar situacións de violencia trala participación nestas sesións.



Contido relacionado


El Correo Gallego:"Trece víctimas de violencia machista aprenden cómo defenderse en Ames"
La Voz de Galicia:"Ames acoge un curso de protección para víctimas de violencia machista"